«Oceanoe», a feliz testemuña dese milagre chamado A Arca

VILAR DE SANTOS

cedida

A Arca da Noe publica un libro-disco co relato dunha traversía imaxinaria polo mar das Antelas, 19 cancións cantadas por artistas que teñen pasado polo local de Vilar de Santos e outros tantos videoclips gravados na contorna

25 ago 2023 . Actualizado a las 13:07 h.

Leva Noemi Vázquez nove anos navegando polos procelosos e sempre incertos mares da cultura. Tan incertos que por veces máis que mares semellan desertos. No medio dese océano Noe mantén a flote a súa arca. Cando se torna deserto, ergue un oasis. Ese espazo máxico, no que todo se confunde e transforma é A Arca da Noe, un paraíso para o desfrute da música e das artes en Vilar de Santos, no corazón das terras ourensáns da Limia.

As moitas aventuras —e tamén algunha desventura— do seu exemplar periplo e da súa singular experiencia quedan recollidas en Oceanoe. Travessia polo mar das Antelas, un coidadísimo libro-disco autoeditado grazas a un crowfunding, que en realidade é a feliz e fermosa testemuña do que deron de si —e foi moito— estes nove anos de travesía da Arca da Noe.

O proxecto xurdiu na pandemia. Confesa Noemi Vázquez que naquel momento, con todas as limitación que lles eran impostas, pensou que a Arca non sobreviviría. «Dábame moita pena que todo o que pasara ata entón neste espazo quedara no esquecemento, así que fun recompilando e gravando todo o que pasaba por aquí para que quedase esa testemuña».

Noemi Vázquez, del café cultural Arca da Noe.
Noemi Vázquez, del café cultural Arca da Noe. MIGUEL VILLAR

A Arca mantívose a flote pese a todas as dificultades; de feito, nin sequera durante a pandemia deixou de programar- e o proxecto do libro-disco seguiu adiante, impulsado polos apoios recibidos e pola vontade decidida de quen nel participan, encabezados, pos suposto, pola propia Noe.

Oceanoe. Travessia polo mar das Antelas «é un libro con músicas», sinala a súa impulsora. A parte literaria está narrada en 128 páxinas por Irene Veiga a xeito de caderno de bitácora, no que se relata unha travesía imaxinada a bordo dunha arca polo mar de Antela. Un mar mítico, telúrico e real. Un mar cheo de historias, lendas, pasado e futuro.

A parte musical está conformada por 19 temas gravados —en moitos casos en colaboracións— por artistas que nestes anos pasaron pola Arca da Noe. Entre a nómina de participantes figuran nomes senlleiros como os de Uxía, Sérgio Tannus, A Pedreira, Xabier Diaz, Xosé Lois Romero, A Banda da Loba, Habelas Hainas, Xoán Curiel, Eliseo Parra, Faia Diaz, Davide Salvado, Malvela, Belem Tajes, Javier Álvarez, Luis Pastor, ou Marcelo Dobode.

Cada canción leva asociado un videoclip, que foi gravado en distintas localizacións dese mar das Antelas.

No libro figuran transcritas as letras de cada tema, acompañadas da súa ficha e uns códigos QR que indican os lugares onde transcorre o videoclip. «Unha xanela para poder ver, escoitar e mesmo a hipótese de andar por lugares que tamén existen», explica Noe.

Por certo, que nesta fin de semana na Arca da Noe poderase escoitar o venres ao trío de cordas Kreze e o sábado ao grupo ourensán de funk e soul Mad Mission. En ambos casos, ás 22.30 horas.