Emma Igual, exemplo de cooperantes

Xosé María Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

Imagen de Emma Igual ayudando a una anciana en Ucrania
Imagen de Emma Igual ayudando a una anciana en Ucrania

13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días chegan noticias tristes de desastres naturais e de guerras. En Marrocos, un terremoto deixa case 3.000 mortos, e en Libia o temporal Daniel destrúe dúas presas no leste do país, provocando a morte de máis de 2.000 persoas.

Pero quero centrarme na morte en Ucraína da catalá Emma Igual, ocorrida o pasado 10 de setembro, que era directora e cofundadora da oenegué Road to Relief (camiño ao socorro), unha entidade fundada en Zaporiyia (Ucraína) en marzo de 2022, e dedicada «a evacuacións, axuda humanitaria e médica en primeira liña». As noticias indican que Emma e o seu compañeiro Anthony Ihnat, de Canadá, morreron polo impacto dun mísil ruso no vehículo no que viaxaban en Chasiv Yar, preto de Bakhmut, a escasos quilómetros da fronte de guerra.

De 32 anos, Emma era neta dunha xudía austríaca supervivente do Holocausto (adoptada despois da Segunda Guerra Mundial por unha familia catalá); estudou na Universidade Autónoma de Barcelona e despois noutros centros, como a prestixiosa Universidade de California (campus de Berkeley), onde acadou o grao de Ciencias Políticas en 2012. Levaba media vida dedicada a tarefas humanitarias e estaba «especializada en refuxiados». Por dicilo de forma clara, era cooperante.

Cooperantes son persoas que traballan, fóra do seu país, na cooperación e acción humanitaria. É a súa profesión, polo que se diferencian dos voluntarios, que de forma non remunerada e altruísta colaboran nunha actividade no exterior nun período curto (15 días, un mes, tres meses...). Os cooperantes están integrados en oenegués, pero tamén poden depender de administracións públicas ou de organismos internacionais.

Cantos cooperantes hai en España? O último censo presentado polo galego Antón Leis, director da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (Aecid), fala de 2.600 persoas (delas un 5 % galegas, unhas 130). Un 53 % son mulleres, tamén maioritarias nos cadros laborais e na base social das oenegués.

En España o pasado 8 de setembro celebrouse o Día do Cooperante; foi instituído para recoñecer o labor meritorio destas persoas polo Goberno Zapatero en 2007, ano en que tamén se promulgou o Estatuto do Cooperante, que incluía unha novidade importante, a obriga de concertar un seguro de vida para os cooperantes dependentes de entidades españolas, algo que non sabemos se afectará á cooperante catalá, pois Road to Relief (R2R) foi fundada e rexistrada en Ucraína.

Dous días despois desa celebración —anodina, insustancial— morre en Ucraína Emma Igual. Honra á súa memoria!