Os 125 anos da aspirina

Xosé María Torres Bouza FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

OSCAR CELA

22 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2022 a Aspirina, o famoso medicamento da casa Bayer, cumpriu 125 anos. Para ser exactos, o que sucedeu o 10 de agosto de 1897 foi o seu nacemento, pois o seu bautismo, isto é, a imposición de Aspirina como nome, tería lugar dous anos máis tarde, en 1899.

A empresa Bayer nacera en 1863 como fabricante de colorantes para tecidos, fundada por Friedrich Bayer en Wuppertal (Alemania). En 1888 crea unha división farmacéutica, na que entraría a traballar en 1894 Felix Hoffman, que estudara Química e Farmacia en Múnich. A lenda di que o pai de Hoffman sufría intensas dores reumáticas que tentaba calmar con ácido salicílico, produto obtido, xunto coa salicilina, da casca dos salgueiros (árbores do xénero Salix), cuxas propiedades contra a febre e a dor eras coñecidas desde Hipócrates, na antiga Grecia. Pero o ácido salicílico tiña importantes efectos secundarios, que o fillo tentou evitar, buscando un composto menos agresivo, e así chegou ao ácido acetilsalicílico, principio activo da Aspirina. Lenda romántica, pero falsa, fake, diríamos hoxe. En realidade —oh, sorpresa!— o ácido acetilsalicílico xa fora inventado 44 anos antes, en 1853, polo químico francés Charles Frédérik Gerhardt en Estrasburgo, como recoñece a propia Bayer.

Como non era un produto novo, o ácido acetilsalicílico non puido ser patentado: non existiu nunca unha patente da Aspirina. A confusión pode vir de que o 6 de marzo de 1899 o nome Aspirina foi rexistrado como marca comercial na Oficina Imperial de Patentes de Berlín. Un nome, que algúns din inspirado en San Aspirino, bispo de Nápoles e suposto patrón das dores de cabeza. Outra lenda: en realidade o nome vén do ácido spírico, sinónimo do ácido salicílico co que se preparaba o noso fármaco.

Aspirina vendíase inicialmente en pó en botellas de cristal, pero nos primeiros anos do século XX pasou a comercializarse en comprimidos, unha forma nova, nun icónico envase de cristal en forma de tubo. A fama mundial da Aspirina de Bayer vén da súa eficacia como analxésico, antiinflamatorio e contra a febre; nos anos 60 descubriuse que prevía a formación de trombos no sangue. E incluso nos anos 2000 recomendouse para as viaxes en avión para previr a síndrome da clase turista.

E ata hoxe; sobre a longa vida da Aspirina e doutros medicamentos —como a Viagra, que en 2023 cumprirá 25 anos— falaremos noutra ocasión.