Catro universitarios de Vigo, A Coruña e Santiago gañan o Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco 

La Voz

GALICIA

Amais do fallo do premio, o acto versou sobre as Letras Galegas. Na imaxe, o historiador e membro da Real Academia Galega Clodio González, na súa intervención
Amais do fallo do premio, o acto versou sobre as Letras Galegas. Na imaxe, o historiador e membro da Real Academia Galega Clodio González, na súa intervención

Presentaron traballos sobre a liberdade vixiada, a crise dos granulados, a intelixencia artificial e a ocupación de vivendas

10 may 2024 . Actualizado a las 01:08 h.

Dúas estudantes da Universidade de Vigo, unha da Coruña e un de Santiago foron galardoados co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, que se deron a coñecer este xoves nun acto polo Día das Letras Galegas na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo —a impulsora dos premios—, presentaron traballos que xiran arredor da liberdade vixiada, a crise dos granulados, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial. 

Na modalidade para o alumnado da Universidade de Vigo, o xurado entregou o premio a Raquel Crespo, estudante do Mestrado da Avogacía da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e a Lucía Díaz, do grao en Dereito. Crespo alzouse co galardón co seu traballo A medida de seguridade de liberdade vixiada postpenitenciaria: unha análise dende o garantismo, no que aborda o seu contexto histórico e a súa evolución actual, ás veces relacionado coa resposta penal da sociedade e o dereito penal do inimigo que se confronta co necesario garantismo dun sistema penal democráctico. Díaz presenta unha análise xurídica da vertedura dos granulados na costa galega en decembro do 2023 e céntrase neste suceso para facer unha análise xurídica dos mecanismos legais que ten o Goberno central para reclamar responsabilidades.

Na modalidade para o alumnado de calquera outra universidade de España, premiouse a Diego Suárez, da Universidade da Coruña, e a Candela Fernández, da Universidade de Santiago. Suárez presentou un traballo sobre a ocupación de inmobles na xurisdición española, analizando este fenómeno dende a súa incardinación na xurisdición penal e que tipos serían de aplicación, así como a súa posible reclamación a través da vía do proceso civil. Candela Fernández analiza os usos da intelixencia artificial no dereito e afonda no programa RisCanvi empregado nos centros penitenciarios de Cataluña para configurar un protocolo de valoración de risco. 

O Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco busca fomentar o emprego da lingua galega nos traballos científicos no eido do dereito entre os alumnos de grao e mestrado. Nesta edición, a terceira, aumentouse a dotación económico dos galardóns, de 500 euros. Tamén trata de homenaxear o xurista e escritor Xosé Luis Franco Grande. 

O xurado destacou o gran número e a alta calidade dos traballos recibidos, case unha vintena de investigacións de temáticas moi diversas e relacionadas con cuestións xurídicas de relevancia actual. «Atopamos traballos de grande impacto social como a ocupación de inmobles, a regulación da prostitución no marco do Dereito, a obxección de conciencia ou o traballo da muller en prisión», subliñan, así como «outras investigacións que afondaron na protección xurídica do patrimonio relixioso, o réxime xurídico da empresa agroalimentaria en Galicia no concurso de acredores ou a tributación das sucesións transfronteirizas». O xurado tamén destacou a corrección lingüística, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregado nos traballos de investigación.