O dúo compostelán elixe este litoral de Ferrol para un avance do seu disco «Amuleto», que fala das «frustracións dunha xeración»
19 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.No locus amoenus da costa de Doniños, entre piñeiros e ondas, gravou Grampoder o seu último videoclip. Presentado onte nas redes sociais, o tema 4AM: penso en ti forma parte do seu novo LP chamado Amuleto e que se lanza o venres 3 de maio en Santiago de Compostela. Nas imaxes rodadas no litoral de Ferrol aparece un home cun dos míticos buzos de traballo desta zona.
O dúo compostelán, coa guitarra eléctrica e a batería de Le Roi e Martin Wu, «retrata de novo con melodía e furia as frustracións dunha xeración», cun son que viaxa polo escuro rock eléctrico para falar do paso do tempo. Grampoder tamén amosa outras obsesións como «o tedio vital, a traizón de baixa intensidade aos principios propios, ou a posición do individuo fronte a un mundo que o impulsa a unha vida irracional e insatisfactoria».
As cancións de Amuleto, gravadas por Jacobo Iglesias e Adrián Longart nos Estudios Potemkin, «débenlle tanto á dark wave dos 80 como ao blues clásico ou ao indie noventeiro». A presentación será o venres 3 de maio ás 22.00 horas na sala Sónar de Compostela por dez euros.