Semana Santa de clásicos

CARBALLO

01 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra Pascua significa «pasar». Deriva da pasaxe da Biblia onde todos os primoxénitos dos exipcios morren nunha peste, excepto os hebreos, que marcan as súas portas co sangue dos animais sacrificados para eludir a ira de Deus. Encántame esa narración. Adoita lerse nas vixilias de Semana Santa, xunto ca Carta de Ezequiel e a lectura sobre a creación do universo. Este ano, tiven o gusto de ler unha destas historias nos actos litúrxicos, pois gusto extremadamente do recollemento destes días e da sensación sacra que inunda os nosos templos románicos. A textura de friaxe que traspasa a coiraza de pedra das igrexas.

Curiosamente, unha da series máis vistas estes días en Netflix é a de Moisés. Tremendamente curioso cando parece que cada día estamos máis racionalizados e afastados da fe, en tódalas súas vertentes. Os profetas, evanxelistas e discípulos debían ser auténticos narradores, ou quizais a historia primeira foi modificada tantas veces que se amoldou á mellor feitura. Como sexa, eran auténticos psicólogos do seu tempo, impregnando de medos, milagres, deidades e parábolas a mente do lector. Facendo posible persuadir durante miles de anos xeracións de homes e mulleres que cometeron os maiores actos de amor e xenocidios, incluso. Ben se sabe que os máis grandes actos de barbarie fixéronse no nome de Deus.

Os que escribiron, censuraron e polarizaron a Biblia ata chegar aos nosos días foron escritores de pro. Quizais sen sabelo, chegaron a lograr o maior éxito de vendas da humanidade. Nin J. K. Rowling, nin E.L. James, nin parvadas: a Biblia. Un best-seller de dúas partes, Antigo e Novo Testamento, onde posiblemente nós formemos parte dun spin-off xeitoso.