Chaves retira o veo da figuración para captar a chamada da natureza en «Terra»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A Rivas Briones vístese cunha mostra que atrapa a ollada e ficará na sala de Vilagarcía os meses de maio e xuño

14 may 2024 . Actualizado a las 15:44 h.

Non é o Xaquín Chaves que ata o 30 de xuño ficará na sala Antón Rivas Briones de Vilagarcía o mesmo pintor que ten acostumado ao seu público a unha determinada reflexión pictórica, perfectamente identificable na súa irredutible personalidade. Mellor dito, non é a obra que un podería agardar sen máis do creador arousán, nado en Vilaxoán en 1959. El mesmo recoñéceo cando explica e reivindica a necesidade de Terra, un itinerario pictórico pola natureza, a mostra que onte inaugurou o principal espazo artístico da vila. Aínda que nunca perdeu o contacto coa figuración que o fixo mergullar na pintura sendo apenas un rapaz, non foi este un fío que saíse á luz con facilidade na actividade expositiva de Chaves. Algo mudou coa chegada do «tempo sen relato» da pandemia, un reencontro coa natureza que loitaba por agromar e facerse visible. E aquí está, froito de moito traballo —creativo mais tamén loxístico—, cunha potencia avasaladora, pedindo paso e completa atención.

A medio camiño dunha exposición retrospectiva e dunha mostra monográfica, Terra pescuda en distintos eidos. «Temos traballos en gran formato, mariñas, os paseos, máis caligráficos, e tamén unha especie de caderno de bitácora», sinala o pintor. Cando fala de gran formato, Chaves refírese a unha présa de obras que inmediatamente capturan a ollada. Seis pezas abondan para dominar o andar principal da Rivas Briones.

Non faltan os lenzos, nin os acrílicos e as acuarelas, pero —e esta é unha apreciación puramente persoal— é moi probable que gañe a partida o papel, cicatrizado con tinta e grafito. Non é difícil imaxinar o pintor enleado fisicamente na creación de cadros con tanta presenza e tan difícil presentación. Tamaños nos que a fraxilidade do papel impón as súas esixencias, mesmo na formación de engurras que, lonxe de interferir coa natureza que se plasma sobre elas, ofrécenlle matices aínda máis interesantes. O cotián e o prosaico, esas plantas e herbas que medran nas beiras dos camiños e son pasto de desbrozadora cada certo tempo, convértense, recollidas nos seus riscos, en reflexos de realidade de primeira orde. O vento case que se pode sentir entre os seus xuncos.

As Ondas en Balieiros, un díptico de enorme potencia que roza os tres metros de alto por outros tres de ancho, será, seguro, un dos traballos que máis e mellor seduzan ao público ao longo deste mes e medio que queda por diante. Pero sería imperdoable pechar estas liñas sen citar O con das Malveiras, no primeiro andar, que semella acadar unha terceira dimensión e brinda un encontro case metafísico.

«É obra inédita que corría o risco de quedar inédita. O Concello foi moi receptivo e haberá unha publicación que recolla esta filosofía, coa participación de Paula Fernández Bañuelos», explicou onte Chaves, deixando unha última apreciación ao alcalde, Alberto Varela: «O talento asociado á nosa cidade ten aquí o seu máximo expoñente».