Luís Seoane consideraba que a Idade Media fora unha época dourada na vida de Galicia. Por este motivo a súa obra foise inzando progresivamente de referencias, personaxes, a ese tempo que, en moitos sentidos, utilizou como medida para calquera futuro do país. Charo Portela rastrexou a influencia do Medievo na obra de Seoane e estudouna nun libro que acaba de publicar a Universidade de Santiago, o primeiro que se edita no ano en que se cumpren cen do nacemento do artista.
Para Charo Portela hai motivos variados para que a Idade Media entrase a formar parte tan viva do imaxinario do artista, entre outros a distancia con Galicia. Segundo contou na presentación do libro onte en Santiago, «Seoane pensou de partida que botaría pouco tempo fóra de Galicia, pero chegados os cincuenta xa se deu conta de que non ía ser así». A perspectiva do exiliado e a «memoria que tiña de Santiago xunto coa idea de que nesa época o pobo de Galicia foi dono de si alimentaron a visión de Seoane e esa presenza medieval está espallada tanto na súa produción literaria, na pictórica e mesmo nos nomes dos proxectos editoriais que ía facendo». En Luís Seoane e a Galicia medieval, Charo Portela repasa os principais xéneros nos que se expresou o artista e como en todos eles aparecen as clases populares da época en forma de personaxes, soldadeiras, peregrinos, xograres e campesiños e tamén de figuras como María Balteira, Xelmírez, Roi Xordo, que de maneira transversal cruzan toda a obra de Seoane en calquera dos seus xéneros. O libro, segundo explicou Portela, ten carácter divulgativo e pretende aportar «un punto de vista máis ata agora non estudado» na extensión da obra de Seoane e na dos estudos realizados sobre el.
Este volume, primeiro sobre o autor no seu centenario, é tamén o primeiro da nova etapa da serie Galicia da USC, inaugurando un novo deseño sen cambiar o formato. Na presentación participaron Isaac Díaz Pardo, Mercedes Brea, directora da colección, e Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios