Esther Sobral: «É bo cantar e poñer música aos nenos, falan antes e con máis vocabulario»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

PONTEAREAS

XOAN A. SOLER

Nos anos 80 xa educaba con melodías; hoxe segue observando como, dende un ano de vida, os pequenos reaccionan aos sons: «A memoria retén mellor o que leva ritmo»

07 may 2024 . Actualizado a las 00:10 h.

Que pasaría se tratáramos de frear o acoso escolar coa música? Esther Sobral (Ponteareas, 1963) propón encher os coles de melodías como recurso de aprendizaxe e resolución de conflitos. Esta pianista, experta en técnicas de estudo, ten acreditado que os nenos aprenden antes e reteñen máis tempo se o fan a través de cancións. «A nosa memoria retén mellor o que vai asociado a un ritmo ou melodía». Xa se facía cando ela era pequena e recitaba a táboa de multiplicar ou acompañaba cada xogo dunha cantiga. «Teño alumnos dun ano que identifican a melodía do momento de recoller, que son capaces de facer percusión e de seguir o tempo dunha canción». Leva décadas comprobando o poder da música no cerebro en construción dos alumnos.

Quen foi directora de conservatorio profesional durante 13 anos, desfruta dando clase aos nenos máis pequenos, en sesións dedicadas á estimulación temperá no centro de aprendizaxe Tratalenca, que dirixe en Santiago de Compostela, onde fixou a súa residencia. Esta nena de Ponteareas, que medrou coa melodía do pasodobre de Soutullo e que ía esfollar para o Corpus entoando as melodías tradicionais, descubriu o potencial da música sendo ben pequena. «A miña nai confiábame o coidado da miña irmá Yolanda. Eu levábaa a pasear polas rúas de Ponteareas e ela ía de mala gana. Descubrín que, cando eu lle cantaba, ela mudaba o xeito de comportarse. Aí descubrín que a música ten poder para facernos rir».

Leva formado a máis de catro mil alumnos en habilidades musicais cos que ten comprobado que unha melodía vale máis que mil palabras. «Coa música esperta todo. Con música, os nenos empezan a falar antes e levan un bagaxe melódico e rítmico e que fan socialización. Dígolle aos pais: Cantádelle, é bo, non teñades medo de cantarlle melodías que parecen complexas, así aprenden vocabulario. Hai que darlles a escoitar de todo, e falarlle como a calquera persoa, porque as melodías para bebés son, case sempre, limitadas». Asegura que así pódese axudar na aprendizaxe a nenos con dislexia ou problemas de pronunciación.

Tras facer a carreira musical, Esther Sobral foi unha das pioneiras en España educando a bebés a través da música. Nos anos 80 formouse en Europa con profesores como Jacques Chapuis, seguindo os postulados de Edgar Willems e Dalcroze, creador do método de aprendizaxe homónimo para ensinar música tendo en conta o impacto do ritmo en todo o corpo e non solo a cuestión teórica. «Unha das cousas que falla no ensino é dedicarlle pouco tempo á música e ao gozo da mesma. A música non só é para os intérpretes, tamén é para os ouvintes, se non cantas ben non significa que non poidas gozar coa melodía».

A pianista de mans pequenas

Sobral ten compostas centos de pezas, sobre todo para nenos. «En calquera animaliño que penses, teño unha canción para el, tamén sobre os ríos galegos, agora estou cun ciclo de cancións con adiviñas». Ten escrito tamén ducias de obras para adultos, algunhas delas publicadas baixo os recompilatorios Sinxeleza e Pechando os ollos. «Eu vexo notas por todas partes, canto moitísimo e sempre teño unha canción na cabeza. Estes días esperto cos temas que lle fixen á miña prima Maite Méndez, adestradora do Club de Baloncesto Arxil, de Pontevedra, que faleceu hai uns días». A música tamén foi bálsamo na morte do irmán, Víctor Sobral, figura destacada no deporte ponteareán e expresidente da Sociedade Deportiva de Ponteareas.

Asegura que ter nacido nesta vila foi determinante no seu destino. «Recordo ir pola rúa dos Remedios, cando eu era nena había máis dun piano en cada portal, corais como a Coral do Centro Artístico Sportivo, coa que gañamos premios. Cando sonan os acordes do pasodobre de Soutullo, algo se me remove». O seu primeiro docente de piano, Ángel Viro, acompañouna hai uns días nun acto na vila natal. «El vivía 12 escaleiras máis arriba que eu. Tamén me influíu Manuel Ferro, o director do meu cole, que nos deu oportunidade de facer rondalla, coro, teatro, baile...».

Non sempre foi doado. Na carreira de piano tivo que facer fronte a unha limitación física, o tamaño das súas mans. «Ao principio calaba cando me tiña que examinar de pezas que non podía tocar, ata que me din conta de que os repertorios estaban pensados para as mans dos homes e non para as mulleres que tiñamos menos complexión física que as de hoxe en día. Tiven que deixar de examinarme algunha vez porque a man non chegaba, pero acabamos conseguindo que as pezas obrigadas foran pezas recomendadas». Durante a súa carreira creou alternativas de dixitación —colocación dos dedos nas teclas— para nenos con limitacións físicas nas mans. «A música é vida, acompáñanos dende que nacemos». Incluso cando a memoria falla, é a música o que conecta ás persoas con demencia coa súa vida anterior. «O poder da música está desaproveitado», asegura.

A súa canción favorita

«Abrindo xanelas», composta por ela para o seu irmán Víctor Sobral. «Compúxena cando atopamos un tratamento para a enfermidade que pensamos que ía dar resultado. A canción é alegre, pero a toco cabreada porque acabou morrendo de covid. É o poder da música, unha canción nos acompaña en distintos momentos».