«Non merecemos estes resultados»

VIGO

Oscar Vázquez

O pivote considera que o Cangas está «a defender e a atacar ben» e confía que un triunfo logo dunha volta, cambie por completo o panorama do equipo

06 mar 2024 . Actualizado a las 09:25 h.

Juan Quintas Aller (Ourense, 1995) considera que o Balonmán Cangas non merece o que lle está acontecendo esta tempada na Liga Asobal, competición na que acumula unha volta enteira sen gañar, situación compensada en parte con sete empates. O capitán está convencido de que un triunfo, que sería o segundo da tempada, provocará un xiro radical para que o equipo poida manter polo menos o posto de play-out que ocupa na actualidade. O pivote asina repetir esa eliminatoria por segunda vez consecutiva.

—Como ven a situación?

—Creo que non é unha situación moi delicada, porque estamos no play out en non no descenso directo, pero podiamos estar mellor e un pouco máis tranquilos. Creo que a nivel de xogo estámolo facendo moi ben e a nivel de actitude, o equipo está ben, pero non están saíndo as cousas.

—Cumpriuse unha volta sen gañar, iso como se leva?

—É complicado levar tanto tempo sen gañar, pero tamén ver a vitoria cerca e logo sumar moitos empates. Ves que estás aí, que está acabando e que gañas de dous goles, pero son cousas que xa nos pasaron varias veces. A de Valladolid foi dura e a última, co Nava, tamén. Ao final, vanse sumando cousas e é normal que lle afecten á mentalidade da xente, pero non debemos darlle moitas voltas.

—O bo é que os sete empates que levan tamén suman e grazas e eles están vivos.

—Todo o que sexa sumar agradécese, pero estamos un pouco cansos de tanto empate e queremos conseguir canto antes os dous puntos, porque eu creo que á parte emocional do equipo tamén lle vai axudar o tema de sumar un trunfo dunha vez.

—Con ese tema dos finais, chegaron a falar da posibilidade de contar cun psicólogo?

—Témolo falado, e penso que é bo falalo. Eu creo que isto é mellor entre nós, axudando os máis veteranos aos máis novos, que estean tranquilos. Se a xente ve os nosos partidos, ve que xogamos moi ben e faltando cinco minutos, desaparecemos un pouco. Temos que sumar todos un pouco máis, estar tranquilos e chegará a vitoria, non teño dúbida.

—Preocupa a reacción do Sinfín ou só miran para vostedes?

—O importante é seguir centrándonos en nós, pero é certo que ao final si que miras a clasificación, é inevitable, porque veñen detrás e están preto, pero nós temos que pensar en nós, porque necesitamos sumar. Nós ao noso, a adestrar e seguir competindo. O outro día díxenlle ao equipo que chegará a vitoria porque a merecemos.

—Vostede xa viviu situacións parecidas. Compara esta tempada con outras?

—Creo qué moi parecida á tempada do ano pasado, aínda que levabamos máis puntos. Daquela estabamos en descenso e na última xornada chegamos ao play out. É parecida, debemos ter calma, ter a cabeza fría e non poñernos nerviosos. Loitando como estamos loitando, chegarán os dous puntos.

—Asinaría o play-out como o ano pasado?

—Antes que o descenso, si, pero se puideramos salvarnos, mellor. Sería unha semana menos de xogo que o equipo seguro que agradece, tanto física como mentalmente. Esas situacións son moi complicadas, mentalmente esgota moito a cabeciña, pero estando como estamos agora mesmo, claro que o asino.

—A diferenza co rival máis próximo por arriba xa é significativa (Cuenca, 7 puntos).

—Pode darse que o que está por arriba non gaña e ti colles unha racha, pero tal como estamos, é certo que é para asinar o play out.

—Como ve o partido ante Granollers?

—Complicado. Granollers é un equipazo, todos os anos está pelexando polo subcampionato con todos os xogadores que ten, pero nós temos que estar tranquilos, saír a gañar e dalo todo. O ano pasado estabamos nunha situación parecida e conseguimos un empate co mesmo Granollers salvo un par dous cambios. Se poñemos a mesma actitude do ano pasado, podemos rascar algo.

—Cal pode ser a clave?

—Na casa, sempre poñer o noso ritmo, estar moi duros, axudar á portería a parar e en ataque manter a continuidade que lle estamos dando. O equipo non merece estes resultados porque estamos defendendo e atacando ben.