Patrocinado porPatrocinado por

Antonio Queiruga: «Comecei nunha lancha de remos e temos ido trocar o peixe por patacas e broa»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

SOMOS MAR

MARCOS CREO

Leva anos xubilado, pero non retirado porque cada día acode á nave que teñen no peirao de Porto do Son para ocuparse da intendencia dos barcos que xestionan os seus fillos

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O reloxo aínda non marca as nove da mañá dunha xornada na que o vento do nordeste invita a buscar abrigo, pero Antonio Queiruga está en pé dende as seis e media, como cada día da semana. Con 83 anos hai tempo que se xubilou do mar, pero está lonxe de retirarse. Agora que non navega ocúpase da intendencia, concretamente da dos cerqueiros Arela e Ansia, dos que son propietarios e nos que faenan os seus fillos Fernando, Antonio e Javier.

Nunha espazosa nave emprazada no peirao de Porto do Son, Antonio Queiruga ten perfectamente ordenados e clasificados aparellos de pesca e outro material fundamental de cada un dos barcos. Non hai nada fóra do seu sitio e este home, como si dunha xornada laboral retribuída se tratase, mantén metodicamente todo baixo control mentres os fillos andan no Cantábrico na campaña da anchoa. Ata se tomou o traballo de empaquetar equipamento das embarcacións que tivo a familia, luces, bucinas, radares, pezas para navegación, unha coidada representación de antigos elementos pesqueiros que ben poderían formar parte dunha exposición.

A rutina repítese cada día, Antonio Queiruga érguese e marcha buscar a Susana, a redeira que leva 17 anos traballando para a familia. Ela arranxa os aparellos mentres el limpa, ordena e examina. Cando remata a xornada laboral leva a Susana de volta a casa. De trato próximo e bo conversador, este armador retirado volve atrás no tempo para falar dos seus inicios, un mosaico fotográfico na oficina da nave serve de axuda para ilustrar a viaxe no tempo: «Empecei con 9 anos nunha lancha de remos e temos ido trocar o peixe por patacas e broa». Partían do municipio sonense cara Carnota ou Fisterra en busca do peixe que, en moitas ocasións, súa nai levaba a pobos distantes para cambialo por outros alimentos: «Aquilo si era unha escravitude».

Ata oito embarcacións

Comezou nun bote a remos, pero con traballo e capacidade para saber buscarse a vida, Antonio Queiruga foi quen de prosperar: «Con 14 anos empecei a pagar a seguridade social». Ata oito embarcacións, dende unha cun motoriño pequeno ao cerqueiro de modernas prestacións que é o Arela chegou a gobernar este armador que manifesta con preocupación que «o día que falten os patróns e mariñeiros que hai agora, non hai ninguén que veña por detrás».

Sempre co ánimo de buscarse a vida, Antonio Queiruga tamén aproveitou a oportunidade de traballar con empresas estranxeiras para obter mellores ingresos. No ano 1963 marchou para un barco de carga holandés, despois foise para unha empresa alemá na que «recorremos toda Sudamérica» e, sen saír das navieiras xermanas, cambiouse para outra que levaba mercancía a Newark.

Na poboada cidade americana quixo o sonense darlle un xiro á súa vida que non rematou como el quixera: «Quedei alí e traballaba lavando pratos, pero engancháronme os de inmigración e mandáronme a Nova York. A idea era mandarme de volta no mesmo barco no que viñera, aínda que ao final tiveron que botarme fóra doutro xeito porque a embarcación non regresou».

O seu periplo polo mundo continuou cunha empresa de Noruega, ata que chegaron os fillos e deixou os barcos de carga. Toda a súa vida está ligada ao mar, e lembra que «botei as amoestacións estando embarcado no Neptuno».

Antonio Queiruga casou con Carme, coa que ademais dos tres fillos tivo unha filla, Maricarmen, que tamén traballou durante un tempo no mar. Gústalle quedar cos amigos e conversar, pero manifesta que a súa afección é ter «isto arranxado», referíndose á nave na que gardan os aparellos das dúas embarcacións.

Cunha vida chea de peripecias no mar, tampouco podía faltar algún susto. Foi patroneando o barco chamado Terceiro Cabo Naval, que acabou contra as pedras na zona das Lens, no Ancoradoiro. O armador recoñece que «foi un despiste», pero afortunadamente a ningún dos 12 tripulantes lle sucedeu nada irreparable.

A nado

Explica que parte dos mariñeiros foron evacuados en helicóptero. El, xunto a outros tres, quedaron no barco e «fomos a nado cara outras embarcacións que andaban polas proximidades».

Agora, o sonense mira dende terra o que acontece no mar, pero non por iso deixa de preocuparse. Manifesta que «se hoxe houbera despezamentos, a metade da frota desaparecería». O que máis lle preocupa son os prezos: «Temos que vender o peixe polo que dean» e asegura que «o peixe está igual que hai anos, pero o combustible está moito máis caro».

Recoñece que os tempos cambiaron moito: «Agora é outra forma de traballar, con barcos moi modernos». Sen embargo, sinte inquedanza pola redución dos topes de pesca e tampouco comprende que para poder traballar haxa que mercar cota noutras comunidades, como Andalucía. Asegura que «o mar está moi complicado, cada vez hai menos capturas e resulta difícil saír traballar».

A estrea do dispositivo automático de navegación no Terceiro Cabo Naval custoulle un bo susto ao armador e á tripulación. Un despiste motivou que a embarcación batera contra as pedras e que fora preciso evacuar aos mariñeiros. Afortunadamente ninguén sufriu danos.