Frato, os nenos, a utopía y Santiago

José Antonio Caride

SANTIAGO CIUDAD

MARTINA MISER

29 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 3 de maio Francesco Tonucci (Frato) será investido doutor honoris causa (DHC) pola Universidade de Santiago de Compostela, un acontecemento co que a comunidade universitaria, se sinte honrada por quen, desde fai mais de cinco décadas, eloxia a educación como unha das mellores oportunidades que nos podemos dar para agrandar a condición humana, individual e colectivamente.

Nado en Fano, na costa do Mar Adriático, desde moi cedo —como mestre, artista e investigador— Tonucci convídanos a mirar o mundo «con ollos de neno», poñendo unha especial énfase nos dereitos da infancia e na educación das familias, nas escolas e nas comunidades: un educar ilusionado e desafiante, construído no día a día. As realidades cotiás do territorio e, mais en concreto nas das «cidades», son os escenarios nos que propón encarnar unha nova filosofía do goberno democrático da vida en común, tendo na città dei bambini un modelo a seguir. Francesco Tonucci, prolongándose en Fratp —heterónimo co que asinará os seus debuxos (viñetas e tiras cómicas) sobre a escola e a educación— reivindicará unha infancia feliz, liberada das servidumes impostas polo tráfico, a conxestión, a inseguridade ou a contaminación.

Fronte ás súas adversidades, imaxina as cidades como contornos amigables, acolledores, seguros, inclusivos, pacíficos, lúdicos... nos que se respiren as culturas e as artes, os saberes e os sabores da diversidade, a creatividade e as aprendizaxes múltiples. Unha «cidade» que sendo boa para os nenos tamén o será para todas as persoas.

En Galicia, co apoio dos seus concellos, Pontevedra e Santiago son dúas das cidades que veñen tecendo —con resultados dispares— a rede que integran máis de 300 en 15 países, cunha vontade explícita: dinamizar o proxecto internacional «Cidade dos nenos e das nenas», ideado por Tonucci e promovido —desde 1991— polo Istituto di Scienze e Tecnologie della Cognizione del Consiglio Nazionale delle Ricerche  (ISTC-CNR), cubicado en Roma. Trátase dunha iniciativa admirada e admirable que propón dar voz aos nenos, escoitándoos para atender os seus desexos, necesidades e demandas. Utopías, tal vez, dun horizonte que require de políticas públicas que sexan sensibles á urxencia de trazar un porvir alternativo, ética e civicamente cordial, que non esqueza as infancias que habitan en cada un de nós nin a ningunha das que virán co futuro.