Galicia Escena Pro, un escaparate do teatro e a danza en Santiago: «Se non ves a montaxe, igual non te animas a programala»

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A feira, que empezou o luns, pechará hoxe a programación con cinco espectáculos

01 jun 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

A décima edición de Galicia Escena Pro, a feira de artes escénicas, baixará hoxe o pano despois de servir desde o luns de punto de encontro entre máis dun cento de compañías e 75 programadores e de exercer de escaparate para a variedade de creacións galegas. «Isto non é só exhibición, interesan moito as roldas de negocios entre programadores e as compañías, e están funcionando ben», aseguraba onte Santiago Cortegoso, presidente de Escena Galega, entidade que colabora na organización desta cita impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Eran máis de 400 as reunións previstas inicialmente e esta cifra podería superarse, segundo apuntan desde a organización, xa que algunhas van articulándose no propio encontro, sen contar aquelas informais. Precisamente, este ano a feira recuperou esas citas máis distendidas á hora da comida. «Isto dálle un cariz máis persoal ao encontro entre o sector», profunda o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Esta posibilidade de ver os espectáculos en directo e, á vez, atoparse coas compañías, é algo que valoran desde os programadores. «Non hai a frialdade do correo electrónico nin dunha chamada. Este é un lugar de encontro de programadores e da escena galega, entre todos sumamos sinerxías», resaltaba onte Nieves Lema, programadora do Concello de Vimianzo, onde contan cunha calendario estable durante todo o ano de espectáculos escénicos. Resaltou a oportunidade que ofrece Galicia Escena Pro para ver os espectáculos en directo, tendo en conta a dificultade que teñen para acudir ás estreas. «Aquí podemos ver as montaxes en directo porque, se non as ves, igual no te animas a querer programalas no teu espazo. Un vídeo non é igual, por iso as feiras son moi importantes», apuntou.

A programadora destacou a posibilidade que ofrece á hora de ver a reacción do público, xa que este ano os espectáculos infantís recuperaron o público tras dous anos sen el pola pandemia. Un aspecto no que tamén incidiu o presidente de Escena Galega. Ademais, Cortegoso salientou a asistencia as montaxes, que está sendo «altísima», tanto por parte dos propios programadores como do público xeral, que pode asistir previa retirada de convites no Centro Social Abanca. Nas tres xornadas programáronse 19 montaxes completas, ao que se lle uniu unha ducia de proxectos en formato «pitching», que tiveron tamén boa acollida.

Interese de fóra

Este ano, medraron os programadores de fóra de Galicia, «e todos coinciden na calidade da escena galega», apuntou Jacobo Sutil, que resalta o interese doutras feiras por establecer colaboracións con Galicia Escena Pro.

Nesta xornada final, as representacións comezarán con «Multiperspectivas», de Paula Quintas Cía (11.00 horas, Fundación SGAE), e «3240», de DeuVe (12.30 horas, Auditorio Abanca). Pola tarde, Compañía Humana ofrecerá «Iphixenia na porta do súper» (16.30 horas, Principal); NegroLópez, «Backstage» (18.00 horas, Auditorio Abanca), e Talía Teatro, «Unha inimiga do pobo» (20 horas, Salón Teatro). Tamén haberá unha mesa redonda.