Mónica Alonso revela o ton da pel de quince obras do Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

A artista da Fonsagrada transmutase «nunha coleccionista de cores carne» na primeira mostra do ciclo «Infiltracións»

10 may 2024 . Actualizado a las 07:48 h.

Baixo o título de A pel do Museo, Mónica Alonso inaugura este venres no Museo de Pontevedra o ciclo Infiltracións cunha proposta que incide na percepción do visitante. «Toda percepción, toda sensación conséguese despois de ver as quince pezas que están intervidas», precisou a artista nada na Fonsagrada.

O leit motiv de A pel do Museo é «a historia dunha coleccionista de cores carne que está obsesionada con conseguir as calidades psicolóxicas das cores». Así, «consciente do difícil que é conseguir as cores da pel viva, pensa que as peles que están nos cadros son marabillosas porque os artistas que as pintaron xa decidiron que cor era», engadiu sinalando que a coleccionista termina por contratar a un copista para que saque os tons exactos das peles dunha quincena de pezas que a mesma coleccionista elixiu.

Con este trasfondo, o propio folleto desta intervención convertese en parte intrínseca da exposición ao expor as fórmulas químicas destas cores que a coleccionista comparte co espectador e que este pode contemplar en botes transparente situados en fronte das obras: «Son fórmulas para facer en pintura plástica que o usuario pode reproducir nunha tenda de pinturas», apuntou.

Ramón Leiro

Alonso deixa claro que a coleccionista propón, ao tempo, un exercicio de percepción ao visitante. «Achegarse á peza, contemplala, contemplar a mostra de pintura, contemplar novamente a peza e ser consciente da cor que ten presente», incidiu remarcando que buscou que todos «sexamos capaces de sacar algo de nós mesmos, da nosa pel, de como está a nosa pel, como esta a pel dos que nos rodean...».

Entre as pezas intervidas por Mónica Alonso, non só hai pinturas, senón tamén esculturas. É o caso do Guerreiro celta, elaborada por Narciso Pérez Rey no 1928, que ten pel de granito. «É de extrema dureza e resistencia, e insensible. Comparase realmente coa solidez do material. Neste caso o copista tomouse a licenza de facela matérica en lugar de ser pintura plástica porque quería darlle un agasallo ao espectador», acotou a fonsagradina antes de aludir ás tres peles «moi interesantes» presentes en Cabeza de Muller, de X. Eiroa (1928) —pel de alabastro—, Descansa, de Arturo Souto (1954) —pel de muller azteca— e Cabeza de muller negra, de Maruja Mallo (1946).

Artista referente e pioneira

O resto de intervencións, en obras de Carmen Babiano, Francisco Asorey, Castelao, Manuel Torres ou Francisco Leiro repártense polas tres plantas do Edificio Castelao logrando o obxectivo exposto por Iñaki Martínez Antelo, comisario da mostra e coordinador do proxecto, de abrir as sas da mostra permanente a creacións contemporáneas, «algo que resulta moi interesante para os propios artistas, pero tamén para os visitantes que xa coñecían a exposición» da man, neste caso, dunha «artista referente para as novas xeracións, pioneira» e que «abriu un montón de camiños».

Ramón Leiro

Pola súa parte, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, destacou que Infiltracións é «un diálogo entre pezas do Museo escollidas por un artista e a súa reinterpretación. Para nós é unha marabilla», apuntou destacando que Mónica Alonso realiza unha interpretación «maxestosa» de algo que moitas veces pode pasar desapercibido, «como é a textura e a cor das peles, unha visión tanxencial»

O ciclo Infiltracións convidará cada ano a dous artistas contemporáneos «a facer obras novas inspiradas na colección e que se expoñen dentro das sas da colección», incidiu Martínez Antelo recordando que outubro será a quenda de Alberto Baralla.