Última hora
El Congreso rechaza la ley del PSOE contra el proxenetismo

«Pontevedra e Galicia manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar»

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A Deputación Provincial clausura este sábado as xornadas centradas na figura deste artista

22 abr 2023 . Actualizado a las 00:35 h.

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra celebra dende onte as xornadas Arte e Memoria adicadas a Xosé Conde Corbal, un dos máis grandes artistas galegos do século XX. Trátase dunha iniciativa que espertou moito interese, o que se reflexa no feito de que as prazas dispoñibles, que se tiveron que ampliar de 100 a 130, están cubertas dende hai dúas semanas.

«Pontevedra e Galicia manteñen unha débeda con Conde Corbal que hoxe apenas comezamos a pagar», remarcou a deputada María Ortega na apertura destas xornadas, nas que ademais de coñecer máis sobre as peripecias vitais e artísticas deste artista, presentouse o libro O fardel de guerra de Conde Corbal, unha edición de luxo cos seus gravados e textos de acompañamento e inaugurouse unha exposición coas láminas máis senlleiras do Fardel da guerra no Pazo Provincial.

Ramón Leiro

Ortega mostrouse convencida de que espallar a obra e pensamento de Conde Corbal era «unha obriga», pero tamén «un desexo» pola súa capacidade de rexistrar e denunciar nas súas obras a memoria histórica, todas as tipoloxías de represión imaxinables -persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas...-, pero tamén os rostros dos verdugos e o seu xeito de proceder. «Tardamos case catro décadas en volver a darlle ao Fardel e ao propio Conde Corbal o protagonismo que merecía, pero na Deputación quixemos facelo por todo o alto xusto neste ano, centenario do seu nacemento».

Intervencións

Pola súa banda, Ana Corbal, filla de Conde Corbal, aproveitou para reivindicar a figura do artista e agradeceu o recoñecemento que se está a facer estes días, mais pediu que non quede só na celebración do centenario. Deste xeito, tendeu a man ás institucións que «queiran conectar a identidade artística da Galicia do século XX coa do século XXI porque pensamos que ademais de rescatar un dos mellores artistas plásticos do século pasado, estamos a rescatar a historia de Galicia (...) e amosar a memoria ás novas xeracións».

Na súa intervención, rendiu homenaxe tamén á súa nai, Margarita Escuredo, de quen dixo debería ser a que participase no acto institucional, pero sinalou que «ten cen anos, e hai emocións que pesan demasiado (...) Gustaríame agradecerlle o decidir pertencer a esa exigua minoría de mulleres que ían por diante, polo ideal do estímulo constante, a crítica construtiva, a creatividade, a cultura, a intelixencia e o traballo; grazas por ser a nosa sensibilidade e a nosa liberdade; por cen anos sendo luz, guía, sostén e amor. Por compartir connosco a emoción de saber algo máis sobre quen somos e ofrecermos xenerosamente o mundo no que medramos», remarcou.

Ramón Leiro

O investigador e coordinador do libro editado pola Deputación de Pontevedra en homenaxe a Conde Corbal, Antón Mascato, destacou o compromiso de Corbal coas persoas do seu país e a cultura, ao tempo que lamentou que no seu momento o álbum de 88 láminas do Fardel, apenas circulou «e tivo o silencio do público e o desprezo das persoas que se sentiron afectadas» ao ver retratadas a persoas familiares como verdugos «na época do terror e na represión despiadada».

Nesta primeira xornada tamén participaron o profesor e investigador Antón Castro, quen fixo un percorrido pola obra de gravados estampados en negro de Conde Corbal; a investigadora e integrante do Consello de Dirección do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, quen falou da estreitísima relación que o autor tiña coa institución provincial ata o punto de que é o segundo autor, despois de Castelao, que realizou máis exposicións nesta institución: once de tipo persoal e moi variado contido, e outras dúas mostras colectivas; ou a historiadora Aloia Ínsua.

Esta xornada rematou coa proxección do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, e a intervención do director Xavier Villaverde (gañador dun Mestre Mateo este ano), quen explicou as motivacións que o levaron a escoller as ilustracións do Fardel de Guerra de Corbal para ilustrar o discurso narrativo da súa peza audiovisual.

Programa de clausura

En canto a este sábado, a programación prevista contará coa filóloga e xestora cultural Cruz López, a historiadora Rosario Sarmiento, o tamén historiador Carlos Bernárdez, a actriz Belén Constenla, o cineasta Miguel Anxo Fernández, a profesora de Literatura Patricia Arias e o autor de banda deseñada e director de O Garaxe Hermético Kiko da Silva rematando esta iniciativa cunha dramatización dun texto arredor de María Casares.