Marosa Vázquez Vaamonde, a profesora de matemáticas que usaba paxaros de papel para ensinar

La Voz

OURENSE CIUDAD

Marosa Vázquez Vaamonde
Marosa Vázquez Vaamonde

A que fora docente do IES Ferro Couselo de Ourense, entre outros centros, finou este martes rodeada dos seus

05 abr 2024 . Actualizado a las 19:39 h.

Coas derradeiras luces do solpor do pasado 2 de abril, rodeada do agarimo familiar, finaba tras anos de doenza, Marosa Vázquez Vaamonde. No seu Ourense natal moita xente lembrará a Marosa por ter vivido persoalmente nas aulas o seu vocacional e imaxinativo ensino, exercido ao longo de moitos anos de comprometida actividade docente, primeiro nas Josefinas, despois na Escola de Maxisterio de Ourense, xa como agregada de matemáticas, nas fermosas aulas do IES Celso Emilio Ferreiro que habitan o mosteiro de Celanova e, finalmente e até a súa xubilación, en Ourense no instituto que pasou a chamarse, grazas á súa iniciativa colexiada con moitos compañeiros, IES Ferro Couselo. Malia todo, a súa actividade profesional levouna, por imperativo burocrático nos primeiros anos oitenta, a unha intensa diáspora académica lonxe do seu Ourense natal, dende Barcelona á biscaína Portugalete, pasando por Viana do Bolo, até que finalmente puido regresar onde o mundo se chama Celanova, desenvolvendo alí unha intensa actividade cultural e de xestión como directora do instituto, acadando a recuperación do espazo da biblioteca do mosteiro, promovendo a adquisición dun piano para o centro, ou coordinando exposicións e homenaxes varias a Celso Emilio Ferreiro.

A súa vocación docente agromou dunha fonda raigame familiar. Súa nai Felicia Vaamonde Barallobre foi mestra de escola en Xove, e seu pai, o arbense Alfonso Vázquez Martínez, historiador e membro do Seminario de Estudos Galegos, era catedrático e director do Instituto de Ensino Medio de Ourense (o actual Otero Pedrayo) cando naceu Marosa, a pequena dunha familia de seis irmáns. Don Alfonso trasladaríase logo a Valladolid e a Madrid, cidade onde remataría a súa carreira docente no Instituto San Isidro e onde Marosa estudaría Matemáticas na Complutense.

As inquedanzas culturais e artesanais de Marosa foron moito máis aló das matemáticas, e practicou con agarimo íntimo a cerámica, o estaño, a tapicería, a encadernación e a escrita. Nos últimos anos da súa vida, unha nova paixón, a papiroflexia, levouna a experimentar con éxito unha nova e potente ferramenta para o ensino da xeometría, a trigonometría e a aritmética, sementando curiosidades e apaixonando aos seus alumnos de matemáticas, desenvolvendo talleres, viaxes de estudos e exposicións que seguen hoxe vivas nas aulas do IES Ferro Couselo e son unha parte da súa identidade como centro de ensino.

Mais a verdadeira paixón de Marosa, a que definía a súa auténtica personalidade foi, sen dúbida, a música. Educada de nena no piano, mantivo tamén de adulta estudos musicais de harmonía e análise e desenvolveu unha intensa actividade coral, primeiro como contralto na Capela Madrigalista de Ourense e, finalmente, no Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, no que cantaría durante máis de vinte anos até os seus últimos días, como unha das voces decanas da agrupación, lembrada e benquerida polos seus colegas de coro e orquestra.

A semente da música foi cultivada con tanta paixón que foi a base da vocación e da educación musical do seu fillo, o violinista Cibrán Sierra Vázquez, membro fundador dun dos cuartetos de corda máis valorados do momento, o Cuarteto Quiroga, e catedrático do Mozarteum de Salzburgo, continuando así na familia a tradición do compromiso docente, presente tamén por parte de pai, na persoa do compañeiro de vida de Marosa durante máis de cincuenta anos, Xosé Carlos Sierra Rodríguez, cuxa actividade docente nos albores da democracia deixou fonda pegada nunha nova xeración de estudosos e profesionais do ámbito da prehistoria e da antropoloxía.

Alén do seu compromiso docente e cultural, Marosa foi e será de seguro lembrada pola súa carismática persoa, das boas e xenerosas, e polo sorriso e entusiasmo construtivo que repartiu en todo proxecto persoal ou profesional no que se embarcou, cun don de xentes de fonda pegada social.