Dar sen ter

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

PABLO MIRANZO | EFE

08 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pepe leva oito anos alimentando decenas de persoas. Por que? Porque non quere que pasen fame. E el, un modesto traballador, pode axudar. Daquela, non ten máis que pensar. Faino. E punto.

Traballa para o concello de Algeciras, na provincia de Cádiz, encomendado tamén do cemiterio. Seguro que sabe moito da morte, das calamidades, das traxedias familiares. Quen sabe se de aí lle nace a forza e o tesón para axudar a que a vida dos máis necesitados sexa un chisco mellor. Cando remata a súa xornada, ponse a cociñar. Unhas sesenta racións, que voan entre a veciñanza. Voan, literalmente, pois o xeito que ten de repartir a comida é o que el chama o «ascensor dos tesos». Pola ventá da casa, bota unha corda cun mosquetón. Recolle recipientes baleiros, éncheos de comida, e vólveos baixar. Nin sequera precisa que quen recibe faga un agradecemento especial, saúdaos desde a fiestra. Pepe sabe ler nos ollos da xente, descifra o seu brillo.

Gustaríalle axudar aínda máis e nunca deixar de facelo, por iso non rexeita alimentos ou mans para facer as entregas. Nunca recibiu un peso nin o quere.

Leva oito anos así. Porque a verdadeira alegría e satisfacción adoita ser silenciosa, discreta. Saltou ás redes e coouse entre tanto ego e tanto autobombo sen pretendelo. Vaia lección de humildade e humanidade. Ás veces quen máis dá é quen menos ten.

«Pasei moita fame», di. Por iso trata de evitarlle o mesmo transo aos demais. Grazas, Pepe, polo exemplo, pola dignidade. Porque é xente así a que dá sentido ao nome de humanidade.