Inmune ou abandonado

Tucho Calvo ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

29 abr 2024 . Actualizado a las 15:01 h.

Sentimentos encontrados marcan a lectura da carta que ten entre as mans. É unha misiva que achega a agradable sensación de recibir a información en papel (e non confusamente, e de xeito sempre sospeitoso, por teléfono ou por vía electrónica) e que o fai coas formas tradicionais de respecto, tan elegantes e esquecidas. Son ademais, neste caso, boas novas: a análise das probas de sangue oculto en feces sobre a mostra enviada ao programa de detección precoz de cancro colorrectal non detecta anomalías.

Lémbranlle que o proxecto está dirixido á poboación de entre 50 e 69 anos e tamén, por se non se decatara, que cumpre axiña os setenta e que, xa que logo, queda fóra dunha iniciativa tan importante e exitosa á que, malia iso, moita xente non responde como debera no seu propio beneficio e no da comunidade.

Hai neste asunto unha primeira cuestión non precisamente menor que resulta alarmante. Ao pé da carta son a directora xeral de Saúde Pública e o director xeral de Asistencia Sanitaria quen a envían e asinan dende o Servizo Galego de Saúde (Consellería de Sanidade). Sorprende que non sexa a persoa responsable do proxecto a que comunique datos tan persoais e, sobre todo, a filtración dos mesmos a cargos políticos que queda de manifesto pola misiva.

Non menos sorprendente é o modo de resolver o tema de fondo. Cabe pensar que o programa foi establecido polos equipos técnicos correspondentes atendendo a unha maior prevalencia do cancro colorrectal na franxa de idade seleccionada. Pero non sendo que ese control inmunice para padecer despois a enfermidade —algo que obviamente non acontece—, ou que o obxectivo do proxecto sexa tan só o do seu propio éxito profesional, científico ou político, o receptor da carta considerarase abandonado por razón de idade.

Non abonda dicir algo «tranquilizador» como «esta proba non é cen por cen exacta e non detecta todos os cancros, por iso, se durante este tempo presenta síntomas abdominais de recente aparición, debe consultar en atención primaria». Non abonda. Iso acórreselle a calquera. O que queren as persoas que confiaron no cribado son unhas indicacións a futuro sobre as normas de prevención e os medios de apoio que atopará para levalas a cabo, se é que iso pode estar á altura do feito ata agora. Non sendo así, por forza teñen que considerar o programa como un mero brindis ao sol ou unha sorte de aprazamento de condena.