A fraqueza do presidente

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Clodagh Kilcoyne | REUTERS

29 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As formas puideron ser outras. Parece que á inmensa maioría da sociedade, a carta do presidente non convence nin gusta. Din os expertos que as cousas non se fan así, que todo debera estar máis institucionalizado, que para iso é o presidente.

Pouco sei de política, protocolo, estratexias. Pero de cansazo mental, moral, psicolóxico e físico, diso sei un cacho.

Dun tempo a esta parte énchesenos a boca falando do auto-coidado, do necesario que é saber poñernos freo, da saúde mental. Ai, a saúde mental! Ata hai correntes literarias en auxe que dan visibilidade ao asunto, e que agradecidos estamos diso.

Pero chega a hora da verdade... e resulta que é un capricho de adolescente, porque á política vense chorado da casa. E facemos chanza da súa resistencia, precisamente el que escribiu un manual sobre a mesma.

Pois si, resulta que sabendo tanta teoría, non funcionou a práctica, e rachou. E cando un toca fondo, é moi difícil medir, programar, sopesar. Os mesmos que tanto falan de saúde mental, agora acúsano de infinidade de cousas, comezando pola autoindulxencia e facerse a vítima. Porque non o cren.

Eu non coñezo a Pedro Sánchez, nin ao seu entorno. Nin sequera son próxima a ningún círculo político. Non teño información de primeira man. Pero ante a súa declaración, prefiro agardar, non vaia ser que sexa verdade ese baixón.

Está claro que en canto a saúde mental queda moito por facer. Se ao presidente non se lle permite fraqueza, imaxinen a unha simple traballadora da cultura coma min. Ai!