EH Bildu

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O PNV gañou as eleccións, pero perdeu catro escanos e viulle as orellas a Bildu, que subiu sete e conseguiu o empate a vintesete. Politólogos, analistas e opinadores hai que din que a negativa do candidato de Bildu, Pello Otxandiano, a cualificar a ETA de «organización terrorista» lle impediu obter os votos que o farían gañador. Eu non o creo, e penso que se Otxandiano chamase «organización terrorista» a ETA tería exactamente os mesmos votos, e unha parte do electorado cun cabreo impoñente.

Cando ETA existía e mataba, miles de persoas fixeron un gran esforzo mental e anímico para xustificar os crimes, berrar nas manifestacións «¡ETA mátalos!» e votar a Herri Batasuna. Boa parte desa xente pensa e sente hoxe o mesmo que pensaba e sentía daquela, porque verse e recoñecerse como os monstros que foron levaríaos ao suicidio ou á loucura. En 2020 vandalizaron en Donosti a placa que recorda a Gregorio Ordóñez, do PP; e en Vitoria o túmulo de Fernando Buesa, do PSOE, ambos asasinados por ETA; e en outubro de 2023, outra vez o túmulo de Buesa con pintura e feces. Como sempre, Bildu rexeitou os ataques pero negouse a condenalos, e nesta campaña electoral houbo mitins nos que atacou as organizacións de vítimas de ETA, que teiman en querer saber quen roubou a vida aos seus familiares e acabar co apoio que reciben os terroristas en rúas e prazas cando saen do cárcere. Bildu coida os seus votantes veteranos.

E os novos, que pasa cos novos? Explícano moi ben Eduardo Madina e Borja Sémper no libro Todos los futuros perdidos: os menores de 35 anos xa non relacionan a Bildu coa violencia. Ven que condena á vez os crimes de ETA e os crimes de Estado, e parécelles ben. Ademais, hoxe votan vascos que non naceran cando ETA secuestrou e asasinou a Miguel Ángel Blanco, e ese crime e a violencia toda é para eles un eco lonxano.

A pregunta clave é por que sobe en votos Bildu e baixa o PNV. A resposta é sinxela: porque o PNV botouse á bartola, a xestión dos seus Gobernos foi peor, e Bildu traballa arreo, en contacto co pobo cun proxecto de futuro. Explicouno na campaña Mikel Otero, secretario de Transición Ecolóxica: «O que non saben é que temos paciencia estratéxica. O noso é un orballo, un traballo diario que empapa ata os osos; que transforma e agroma en forma de cambio político. A forza do cambio é imparable».

Así o vexo eu, pero se cadra estou trabucado e pode ter razón Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, que culpa a Pedro Sánchez do éxito de Bildu por branquealo. Cuestión de brocha, vamos.