A parede dun museo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Rufus46 | Wikipedia

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hei de recoñecer que cando lin a noticia alegreime, pois moitas veces teño pensado nas razóns polas que unhas obras acaban colgadas das paredes dos museos e outras non. O caso é que estes días publicábase que a finais de febreiro un empregado da Pinakothek der Moderne de Munich decidiuse a colgar unha obra creada por el nas paredes do museo, que expón, entre outras, obras de Picasso e Kandisnky.

Segundo as declaracións da Pinakothek ao xornal The Guardian, «o empregado considérase un artista, e probablemente viu o seu rol no equipo de instalación como un traballo para apoiar a súa verdadeira vocación». E a verdade é que pasou completamente inadvertido cando fixo dous buratos para colgar o seu cadro de 60 x 120 cm, que non foi descuberto até pouco despois de abrir o museo, pero que tampouco foi retirado das súas paredes até o final do día. Pouco lle durou a gloria a esta obra, pero coido que foi un xesto realmente poético para un artista sobre o que o único que transcendeu é que era empregado do museo (xa o despediron) e que ten cincuenta e un anos.

Non é a primeira vez que alguén colga as súas obras sen permiso nun museo, pero este caso chamoume a atención máis ca outros. Nalgúns medios dicían que era un empregado moi respectado, e non era un adolescente, senón unha persoa de mediana idade. De súpeto comecei a imaxinar a infinidade de pensamentos que sentiría para planear e executar a súa obra mestra: a instalación da obra. E aínda que o museo encargouse de que non transcendera nin o nome da persoa nin a imaxe da obra en cuestión, unha parte de min alégrase de que esta persoa chegase a esa parede, a onde quería, aínda que fora por un momento.