O Titán e as ondas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Imagen de archivo del Titan unido a la plataforma con la que consigue sumergirse
Imagen de archivo del Titan unido a la plataforma con la que consigue sumergirse DPA | EUROPAPRESS

12 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz informou con precisión sobre o desastre do Titán, somerxible a grandes profundidades que implosionou nunha inmersión malfadada. Isto levanta a curiosidade dos lectores a respecto das distintas técnicas usadas na construción dos herdeiros dos batiscafos. Como se viñan comunicando eses minisubmarinos cos barcos de apoio? Como chegaban a estes os sinais dos sensores, as voces dos tripulantes, as imaxes das profundidades mariñas? Antigamente por cabos de transmisión de sinal abrazados ao de suspensión. Ora, iso implica unha ligazón permanente barco-somerxible que limita o movemento autónomo. Para telecomunicar tripulantes e equipamento entre superficie e fondo mariño cómpre usar outras técnicas.

Estamos tan afeitos á radiocomunicación no aire que resulta chocante descubrir as dificultades de usala na auga. A auga é un medio condutor (aínda máis a salgada) de altísima densidade en relación ao aire. Nela os campos electromagnéticos amortecen totalmente a distancias moi pequenas. Só emisoras de radio de grande potencia chegan a comunicar con submarinos a poucos metros da superficie, e eles non poden usar ese método para responder.

Fica logo outro recurso, o do son, que se transmite na auga como no aire por medio de ondas de compresión, e a maior velocidade. Isto permite a comunicación bidireccional entre barco e somerxible: emítese un sinal de son de frecuencia determinada modulado polos sinais que transportan a información; é recibido e demodulado. Este sistema (que se supón utilizaría o Titán) ten as súas limitacións: a cantidade de ruído que acompaña o sinal recibido, o retardo con que este chega e a estreitura de banda da canle que se pode establecer. Suponse que, logo do acontecido e divulgado nestes días, a enxeñería das TIC —como a dos somerxibles— se aplicará intensamente para superar as limitacións actuais. Porque o devezo de imitar o capitán Nemo máis a necesidade de extraer recursos do 70 % do globo non van amortecer como as ondas electromagnéticas no mar.