O xeoparque de cabo Ortegal, perto da meta

Xosé María Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

FRANCISCO CANOSA

07 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia podería contar en 2023 cun novo xeoparque mundial da Unesco, que se sumaría ao de Montañas do Courel, declarado en 2019. A finais do pasado agosto os sete concellos do norte da Coruña que conforman a candidatura —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— recibiron a visita de dous inspectores da Unesco (un británico e un uruguaio) para avaliar in situ a candidatura, nominada polo Goberno español en novembro de 2021.

A Unesco conta desde 2004 cun programa de xeoparques —177 en todo o mundo, 15 deles en España—, unha forma de recoñecer territorios cun patrimonio xeolóxico singular que sirva de base para un desenvolvemento sustentable. O obxectivo desta figura non é a protección da riqueza xeolóxica —de feito, a cualificación de xeoparque non restrinxe actividades industriais ou forestais—, senón o desenvolvemento sustentable dese territorio, cuxos habitantes deben participar no proceso. O exemplo do Courel, onde a candidatura foi xestionada polo Grupo Rural Ribeira Sacra-Courel, é palmario, mentres aquí Seitura22, o grupo rural equivalente no norte da Coruña, foi excluída do proceso.

Non pensemos que coa visita dos avaliadores está todo feito. Son persoas expertas ás que non se lles poden presentar —como á zarina Catalina a Grande— decorados de aldeas modélicas onde vivían felices os seus abnegados súbditos. É certo que en tres días intensos recorreron os sete concellos, ollando marabillas como a de Teixidelo (Cedeira), única praia no mundo de area negra non volcánica, e rematando cunha foto de familia na punta dos Aguillóns (Cariño), no faro de cabo Ortegal. Pero examinarán tamén como se construíu a candidatura, e como participa nela o tecido social da zona, asunto no que hai algunhas carencias.

É certo que o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal —apoiado economicamente pola Deputación da Coruña e o Goberno central (coa Xunta ausente)— reforzou no último semestre a difusión organizando xornadas de traballo; pero foi insuficiente, como o demostra que a inquedanza de moitos asistentes (explotacións forestais, gandeiros, traballadores do mar...) foi se a designación de xeoparque afectaría ao seu modo de vida e traballo; un síntoma de que o coñecemento do proxecto é aínda limitado. Tampouco deixaría de sorprenderlles que anos despois de iniciar o proceso careza dun comité científico, de convenios con universidades ou de técnicos propios que xestionen as actividades. Resólvanse estes déficits, o obxectivo merece a pena!