Avelino Díaz, un poeta con amigos dispostos a rescatar a súa memoria

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

Membros da directiva da Asociación Cultural Avelino Díaz
Membros da directiva da Asociación Cultural Avelino Díaz CEDIDA

A asociación cultural que leva o seu nome segue a traballar para que se lle dedique un Día das Letras Galegas

30 abr 2024 . Actualizado a las 13:56 h.

Avelino Díaz (1897-1971) representa un caso singular na literatura galega. A súa vida tivo como escenarios Galicia e América. Iso achégao a moitas figuras coñecidas, pero as razóns polas que marchou non foron as mesmas. Foi un emigrante máis ca un exiliado, como lembra Francisco Veiga, secretario da asociación cultural que leva o nome do poeta.

Ese colectivo ten, practicamente dende a súa creación, o obxectivo de acadar que Avelino Díaz protagonice un Día das Letras Galegas. En 1947 Díaz publicou «Debezos», un dos primeiros poemarios en galego saídos do prelo despois da Guerra Civil. Ese feito, engade Veiga, xa lle dá un valor importante á súa obra, que inclúe outros títulos e tamén unha ampla produción xornalística.

A directiva da asociación cre que acadar o recoñecemento da Real Academia Galega constitúe a mellor maneira de conseguir que o poeta sexa máis estudado, se ben xa se ten dado algún paso nesa liña. Así, por outra banda, podería pensarse en publicar o moito que aínda permanece inédito: a produción poética de Avelino Díaz achégase aos 1.200 poemas, pero non saíu á luz máis da terceira parte. Algo aínda peor ocorre coa súa produción xornalística, espallada en moitas publicacións, fundamentalmente pertencentes a sociedades de emigrantes creadas en América.

Entrementres, en Riotorto, onde naceu, e en Meira, onde pasou anos da nenez e da mocidade, a chama do poeta segue acesa. A Asociación Cultural Avelino Díaz organiza, dende hai anos, unha excursión anual por lugares dos dous concellos vencellados coa vida e coa obra do autor, e este 2024 non será unha excepción.

Por outra banda, a asociación vén de renovar a xunta directiva. Non se cambiaron nomes, pero si algúns membros ocupan agora cargos diferentes. Ermitas Rodríguez é a presidenta; Azucena Gavín, pertencente ao grupo de pandereteiras Nove ferreñas, é a vicepresidenta; Francisco Veiga, representante da asociación veciñal da Órrea, é o secretario, e Eloi Treitas, membro da Asociación Cultural Arrincadeira, o tesoureiro. Como vogais figuran dúas representantes da Asociación de Veciños de Fonmiñá (Araceli Pillado e Neves Pérez), un da Asociación de Veciños da Órrea (Carlos Veiga), unha da Confraría Nosa Señora do Pedregal (Teresa Rielo), un do IES Pedregal de Irimia (Mario Outeiro), unha do CEIP Avelino Díaz (Antonia Ónega), un do Concello de Meira (Agustín Méndez), un do Concello de Riotorto (José Luis Lourido), unha da oficina de turismo de Meira (Yoani Jartín) e unha a título particular (Mariluz Iglesias).