A exposición sobre o Castelao grafista poderá verse en Vilalba en maio

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

O convenio para instalar a exposición en Vilalba asinouse este venres
O convenio para instalar a exposición en Vilalba asinouse este venres CEDIDA

O Concello, Afundación e Abanca organizan a mostra, que ofrece unha ampla achega sobre o autor

12 abr 2024 . Actualizado a las 19:30 h.

A actividade cultural de Vilalba nas vindeiras semanas terá a Castelao como un dos seus grandes protagonistas. A exposición «Castelao grafista», que inclúe facsímiles da súa obra, poderá verse na Casa da Cultura: a inauguración está prevista para o 30 de abril, e o horario de visita no mes de maio será, de luns a venres, de once da mañá a unha da tarde e de cinco e media a oito e media da tarde.

O Castelao debuxante e o Castelao ensaísta, o Castelao columnista e o Castelao pintor, sen esquecer o Castelao político que desenvolveu unha ampla actividade no Partido Galeguista, son trazos que se recollen na mostra. O Concello de Vilalba, Afundación e Abanca asinaron este venres un convenio para a instalación da mostra na capital chairega.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou ademais unha relación de Castelao con Vilalba pouco coñecida ata agora. O artista e político pasou en 1936 pola vila e interviu no Ateneo Cultural de Vilalba. Todo o seu amplo legado, dixo Rouco, é merecente de «ser coñecido e recoñecido».

A exposición contén 19 facsímiles, pertencentes á Colección de Arte Afundación, e debuxos do álbum «Cousas da vida», ademais de manuscritos, portadas de primeiras edicións de obras súas ou portadas de libros que foron ilustradas por Castelao.