Patrocinado porPatrocinado por

Óscar Rivas, veterinario: «En Galicia hai cada vez máis osos e hai que prepararse para recuperalos»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

Óscar Rivas sinala que a área de expansión do oso pardo está aumentando cada ano nas serras orientais galegas
Óscar Rivas sinala que a área de expansión do oso pardo está aumentando cada ano nas serras orientais galegas PRADERO

Como integrante da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Rivas participou no plan Life para reasentar a especie nas montañas lucenses

24 abr 2024 . Actualizado a las 09:20 h.

O veterinario Óscar Rivas, integrante da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), participou na xestión do plan Life Oso Courel, promovido por esta asociación, a Fundación Oso Pardo e a Consellería de Medio Ambiente. Este proxecto financiado con fondos europeos, que se desenvolveu entre os anos 2016 e 2021, tiña por obxectivo favorecer o reasentamento do oso pardo nas serras orientais lucenses mediante diversas accións.

—Que lle parece que o centro se recuperación da fauna salvaxe do Veral se prepare para acoller osos pardos?

—Esta acción xa estaba prevista no plan Life Oso Courel. É moi necesario contar con instalacións adecuadas para coidar dos osos pardos, porque esta especie está cada vez máis presente en Galicia e en calquera momento poden facer falta. Pode darse o caso de que no territorio lucense apareza un oso atropelado ou ferido, ou que necesite axuda por calquera outro motivo, e é moi importante ter infraestruturas e equipos preparados para reaccionar dunha forma adecuada fronte a estes casos. Unha sociedade evolucionada ten que contar con este tipo de recursos e polo tanto na AGCT parécenos moi oportuno que se invistan fondos nestas instalacións para atender os osos no caso de que necesiten axuda e para devolvelos ao medio natural cando sexa posible. É unha medida de modernización que había que tomar.

—Nas montañas lucenses xa ten habido casos para os que necesitarían estas instalacións?

—Non temos constancia de que nos últimos anos sucedese algo así, pero calquera día pode darse un episodio desta clase e hai que estar ben preparados para o caso de que suceda. Ao haber cada vez máis osos en Galicia, é cada vez máis probable que ocorran estas cousas.

—Sábese cantos osos pardos andan movéndose actualmente polas serras dos Ancares e do Courel?

—Iso é algo moi difícil de saber, porque os osos deambulan constantemente, entran e saen unha e outra vez de Galicia, e non é posible controlalos a todos. Desde o 2018 temos rexistrado a presenza de polo menos unha ducia de exemplares diferentes neste territorio, pero é probable que sexan máis. En todo caso, hai que esperar que cada vez haxa máis, exemplares porque a poboación de oso pardo do oeste cantábrico creceu moito grazas aos esforzos de protección e conservación que se fixeron nos últimos anos. En certo momento chegara a haber menos de oitenta exemplares e hoxe en día hai en torno a catrocentos. Ao crecer esta poboación cantábrica, loxicamente, son cada vez máis numerosos os exemplares que entran no territorio galego. A área de expansión da especie en Galicia está aumentando e os osos van aparecendo cada vez con máis frecuencia nas serras orientais galegas, desde A Fonsagrada ata Pedrafita do Cebreiro, e tamén no Courel, Quiroga, Ribas de Sil... Os osos están deixándose ver ademais na parte oriental da provincia de Ourense.

—No territorio lucense pode haber xa femias reprodutoras?

—Neste territorio pode considerarse que o oso pardo xa ten unha presenza estable e permanente, que hai osos de maneira continuada durante todo o ano, pero iso non significa que sexa unha zona reprodutora. Na serra dos Ancares temos detectado a presenza dalgunha femia por mostras de ADN, pero non hai constancia de que en Galicia haxa osas con crías. Iso é algo que se espera que suceda no futuro se continúa esta tendencia, pero por agora non podemos afirmar que as montañas galegas sexan unha zona reprodutora. Polo que se sabe, a reprodución limítase de momento á zona cantábrica.

—Dentro do plan Life Oso Courel plantáronse miles de árbores froiteiras e arbustos para que sirvan de alimento aos osos, pero estas plantacións arderon en parte nos incendios forestais do 2022. Xa se replantou todo o que se perdeu entón?

—Por sorte, a afectación dos incendios forestais a estas plantacións foi máis ben lixeira. Houbo árbores e arbustos que arderon, pero desde entón xa se recuperaron moitos grazas á rexeneración natural. Aínda quedan algunhas zonas que haberá que replantar e agora estamos tratando de conseguir financiamento para facelo.