A Feira da Plantación de San Sadurniño, «o gran mercado comarcal», bate todas as marcas, con 67 postos inscritos

I. F. SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

JOSE PARDO

Os expositores de artesanía, produtos agroalimentarios e viveiros de planta e flor encherán a área da Cortiña o domingo

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira da Plantación de San Sadurniño chega á edición vinte e sete con máis postos ca nunca e consolidada como «o grande mercado comarcal» do produto de proximidade, a artesanía e todo o relacionado co mundo vexetal, como destacan desde o goberno local. Este ano hai 67 inscritos, 21 máis que o ano pasado, e repártense entre artesanía (25), produtos agroalimentarios (23), viveiros de planta e flor (14), catro entidades sen fins de lucro e un expositor de maquinaria. O venres rematou o prazo para confirmar a súa participación, co pago da cota correspondente (segundo o tipo de posto).

Cara ao domingo, desde a área de Desenvolvemento Local do Concello pídenlles «máxima puntualidade» nos horarios de montaxe asignados, xa que a partir das 10.15 horas non se permitirá a entrada de ningún máis. Lembran, ademais, que logo de armar o expositor deberán retirarse os vehículos, e que deberán permanecer abertos polo menos ata as sete e media da tarde, media hora antes do peche da feira, que abrirá ás dez da mañá na zona da Cortiña e o paseo fluvial do Xuvia.

Música, sorteos e arte floral

San Sadurniño encherase o domingo de xente que, ademais de poder mercar, gozará da música do trío Detrés, que tocará en varios momentos da xornada. Tania Couce, da floristería La Feria realizará demostracións de arte floral, e o artista Leandro Lamas pintará un cadro ao vivo, que se sorteará ás 19.30 horas. Tamén se rifarán centros florais, ás 14.00 e as 19.30 horas, entre os posuidores das papeletas que entregarán por cada compra nos distintos expositores e que haberá que depositar na urna que se situará no posto do Concello. Serán dous sorteos presenciais, ata que apareza o boleto gañador, como indican fontes municipais. O Concello leva anos organizando unha feira que naceu nos anos 90 da man da asociación Bidueiro.

Cada persoa que acuda á Feira da Plantación levará un agasallo, unha bolsa cunha planta ornamental doada pola empresa Vivergal, de Santa Mariña do Monte, que «tradicionalmente vén colaborando coa feira de maneira altruísta», segundo destacan desde o Concello, que conta, por outra banda, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña para este evento.

En canto ás áreas de estacionamento, dentro do plan de seguridade deseñado polo Concello establécense dúas nas inmediacións do recinto da feira. Unha estará na leira da área de autocaravanas e outra ao pé da ponte sobre o río. O executivo local explica que este ano a circulación de vehículos será nun único sentido para evitar atascos. Para entrar desde a estrada xeral, a AC-862, haberá que ir polo centro de día, mentres que a saída será por Cornide, «con prohibición de aparcar nas marxes de todo ese percorrido», subliñan.

Tamén se habilitará un espazo para estacionar na leira do Bispado, anexa á avenida Marqués de Figueroa. Alí xuntaranse os coches dos asistentes á feira e do público da final da fase de ascenso á Superliga Masculina 2 de Voleibol, entre o Intasa San Sadurniño e o U.D. Ibiza Volley.