San Sadurniño, un escaparate para o Xeoparque do Cabo Ortegal e A Fusquenlla

A. C. SAN SADURNIÑO / LA VOZ

SAN SADURNIÑO

CÉSAR GALDO

As demostracións culinarias, os talleres e as degustacións de produtos de proximidade reforzan o programa, igual que os obradoiros para os máis cativos

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Feira da Plantación de San Sadurniño servirá de escaparate para o centro comarcal de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, con sede en Moeche, que o impulsou no seu día xunto con San Sadurniño, Valdoviño e Cerdido, e ao que agora tamén se sumaron Cedeira, As Pontes e Narón. Tres produtores da zona, que venden coas marcas Bieiteiras, Ai Carmen e Lúa de Lexo, comercializarán «delicias» elaboradas por eles na Fusquenlla. «É na mesma liña do que fixemos o ano pasado, con venda e degustación dos seus produtos», sinala o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela. Con ese mesmo obxectivo de «potenciar o produto de proximidade», destaca as demostracións culinarias que fará un cociñeiro e que os asistentes poderán degustar. «Explicará a filosofía dese tipo de cociña, que a xente poderá probar pola mañá e pola tarde», di.

Varela destaca, por outro lado, a presenza na Feira da Plantación do Xeoparque do Cabo Ortegal, do que forma parte San Sadurniño, xunto cos municipios de Moeche, Cerdido, Valdoviño, Cariño, Cedeira e Ortigueira. «Teremos unha carpa adornada para darlle visibilidade ao xeoparque, xa que este é un bo escaparate dada a afluencia de xente que ten», apunta. E subliña que o doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, que foi un dos artífices do xeoparque, estará alí «explicando» o rico patrimonio xeolóxico da zona, que lle valeu a declaración de Xeoparque Mundial da UNESCO hai xa case un ano.

En canto á oferta gastronómica da Feira da Plantación, Varela indica que o Concello montou unha carpa ampla para poder xantar, que tamén disporá de mesas e cadeiras pola parte de fóra, «á sombra das árbores, por se fai sol». Os comensais poderán elixir entre churrasco e polbo á feira. A alternativa está nos establecementos hostaleiros da localidade, nos que desde o Concello recomendan reservar con antelación, xa que o día do mercado xúntase moita xente.

O concelleiro de Desenvolvemento Local agradece, por outra banda, a colaboración de Vivergal, «porque despois de tantos anos, segue doando as plantas coas que se agasalla aos asistentes á feira». Varela convida a todos a achegarse á Cortiña o domingo e gozar da feira e do entorno, «co Arboreto, a Horta das Froiteiras ou a Fraga Máxica», alí mesmo.