Rey Soto, cineasta, cura e seductor: «Un gran e atractivo 'influencer'»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Antonio Rey Soto, custodiado polas caricaturas que lle fixo Castelao
Antonio Rey Soto, custodiado polas caricaturas que lle fixo Castelao Arquivo de Manolo González

Manolo González recupera ao creador da primeira longametraxe documental galega

31 jul 2023 . Actualizado a las 23:48 h.

Co flequillo negro disparado á dereita e os grandes ollos verdes, redondos como labirintos. Así debuxou Castelao ao seu amigo Antonio Rey Soto. Sacerdote, cineasta, poeta e gran seductor. Crónicas da época relataban que ante el «as damas sempre suspiraban tras dous abanicos». A súa figura recupérase no último libro do profesor e cineasta Manolo González: O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (Alvarellos Editora). Veciño de Valdoviño, profesor durante anos no ferrolán IES Concepción Arenal e creador do Chanfaina Lab de San Sadurniño, González volve a mergullarse nas orixes do cinema galego «cun gran e atractivo influencer, que entre 1922 e 1923 creou a primeira longametraxe documental sobre Galicia e Asturias».

O cineasta Antonio Rey Soto, coa sotana debaixo da bandeira xunto co Real Coro Toxos e Froles de Ferrol
O cineasta Antonio Rey Soto, coa sotana debaixo da bandeira xunto co Real Coro Toxos e Froles de Ferrol Arquivo de Manolo González

  

Como o 90% do material dos pioneiros do mudo, o rodado en nitrato de celulosa acabou desaparecido cando non diretamente roído polos ratos nos faiados. Pero os que viron hai cen anos Un viaje a través de Galicia y Asturias, monumento de cinco horas, «dicían que a película era marabillosa, das máis bonitas feitas nunca sobre Galicia». Comezou a rodarse antes que a fundacional Nanuk, o esquimal de Robert J. Flaherty. «Nesa época aínda non existía a palabra documental pero a película de Rey Soto (Santa Cruz, Ourense 1879-Madrid 1966) sería hoxe unha masterpiece, onde aparecen Manuel Murguía saudando nun descapotable, Castelao debuxando, Wenceslao Fernández Flórez, os irmáns Camba...»

O cineasta Antonio Rey Soto, rodando en Portosanto (Pontevedra) con sotana e cigarro na man
O cineasta Antonio Rey Soto, rodando en Portosanto (Pontevedra) con sotana e cigarro na man Arquivo de Manolo González

 Manolo González, «moi agradecido a Alvarellos Editora e a Henrique Alvarellos, cos que presento este martes a obra na feira da Coruña ás 20.30 horas», seguiu os pasos do sacerdote cando cruzou o Atlántico. Un viaje a través de Galicia y Asturias proxectouse no seu día en Cuba, EEUU, México, Arxentina... E o investigador foi co seu diario persoal gardado no mosteiro de Poio para percorrer La Habana, Cienfuegos ata Camagüey, onde o cura foi protexido das acusacións de perversión «grazas ao apoio que lle prestou o bispo que máis tarde salvaría da morte a Fidel Castro».

Antonio Rey Soto, con sotana en San Luis na xira da proxección da película por Cuba
Antonio Rey Soto, con sotana en San Luis na xira da proxección da película por Cuba Arquivo de Manolo González

Rey actuaba nas proxeccións como un benshi: «Era o que na sala explicaba as películas mudas en Xapón, o máis famoso foi o irmán de Akira Kurosawa que se fixo o harakiri coa chegada do sonoro». Quedaría autoexiliado en Cuba, marchou a Guatemala e regresou a Galicia en 1931. Alí retomaría a súa amistade especial coa marquesa de Atalaya, Ángela Santamarina: «Tan popular que apareceu 2.500 veces na prensa nos primeiros vinte anos do século XX, viaxou coa súa marquesa e xuntou 30.000 libros galegos do XVII ao XIX». Foron depositados no mosteiro de Poio e salvados por Castelao na Guerra Civil, o seu gran amigo e a quen casou con Virginia Pereira.

González, que xirará por 13 concellos co seu anterior libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil, narra a Rey Soto ata o final: «Apostou polos sublevados na Guerra Civil pero era un cura ao que lle gustaba o tabaco, o chupito e a beleza feminina... cando morreu a marquesa, meteuse a monxe mercedario e coidou da súa biblioteca tan fastuosa como a do libro O nome da rosa».