A escritora viguesa Silvia Penas, premio de poesía Concello de Carral

La Voz LA VOZ / CARRAL

CULTURA

A poeta Silvia Penas (Vigo, 1980).
A poeta Silvia Penas (Vigo, 1980). Alberte Sánchez Regueiro

O xurado elixiu por unanimidade e entre 96 propostas a súa obra «A pel do exilio», na que «a forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes»

05 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) alzouse co premio de poesía Concello de Carral coa súa obra A pel do exilio, na que, segundo o xurado, «a forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes». Foi así como conquistou de forma unánime aos membros do tribunal e se impuxo entre un total de 94 manuscritos presentados a concurso, unha cifra que, por certo, supón un récord de participación nun certame que alcanza a súa edición número 27 cada vez máis consolidado como encontro de referencia no ámbito da poesía feita en lingua galega. De entre todas as propostas, o xurado elixiu a da viguesa con argumentos nos que enxalza tanto o seu ritmo como «a súa vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria».

O tribunal estaba integrado polo alcalde, Javier Gestal, a crítica literaria Inma Otero, a poeta Tamara Andrés, o poeta barbanzán Ciro Briones —gañador na convocatoria do 2023— e, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o técnico municipal de cultura Carlos Lorenzo.

O premio, que organiza o Concello de Carral coa colaboración da Xunta, está dotado cunha bolsa económica por importe de 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía do selo Espiral Maior. A celebración da cerimonia de entrega está prevista para o venres 31 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto que, ademais, servirá para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones obtivo o galardón o ano pasado.

Silvia Penas comezou a súa andaina poética vinculada ao colectivo Redes Escarlata, co que participou en recitais. A autora acadou varios premios e accésits a lo longo da súa traxectoria. No 2010 publicou o seu primeiro poemario, Biografía da multitude (en colaboración con Elvira Riveiro Tobío; premio Victoriano Taibo). Tamén escribiu As uñas crecen (2016), co que gañou o Manuel Lueiro Rey. A esta obra seguiulle Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (2016), pola que recibiu o Avelina Valladares. Son ademais obra súa outros títulos como Retratos de vodas, partos e funerais (2023), O resto é ceu (2021) e Fronteira Paraíso (2019).

Investiga a palabra inserta na escena, na música e no videoarte e traballou nos campos da interpretación e a oralidade, así como na performática e no slam poetry, estilos de improvisación pegados ás estéticas do urbano (organizando e impartindo obradoiros). Nesta liña, interésase non só polas novas maneiras de dicir senón pola capacidade mobilizadora do verso. Escribiu tamén textos para a representación teatral e incluso participou como actriz nalgunha función.