Lhéngua mirandesa, un tesouro portugués en perigo

Brais Suárez
Brais Suárez OPORTO / E. LA VOZ

CULTURA

-

Os expertos alertan que pode quedar sen falantes no 2040

17 mar 2024 . Actualizado a las 19:04 h.

Hai 30 anos, o lince ibérico estaba a piques de se extinguir. Tras un investimento de 70 millóns de euros (2,5 por ano) e boa planificación, agora hai máis de 1.700 exemplares en toda a Península. «Que ten que facer un falante de mirandés para que o consideren a décima parte dun lince?», pregunta o catedrático da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas. Como un dos maiores expertos sobre a situación da lingua mirandesa, Costas calcula que «250.000 euros anuais abondarían para facer un programa de choque, con campañas en comercios, anuncios, cursos... e que a lingua saia das casas e atinxa o eido público».

Estímase que unhas 4.500 persoas entenden e falan a lingua da Terra de Miranda, na fronteira nordeste portuguesa, pero só unhas 3.500 a empregan acotío, fronte aos 15.000 que o facían a mediados do século XX. As alarmas sobre a extinción desta lingua da familia asturleonesa son tan habituais coma as alusións á riqueza cultural que supón. Pero «as nosas prospeccións estatísticas din que, a ese ritmo, no ano 2040 non haberá falantes». O maior risco débese a que estes diminuíron case un 50 % entre a poboación en idade reprodutora e os menores de idade, segundo Costas expón nun estudo. «Haberá xente que o saiba falar, pero ninguén amará nin rifará en mirandés. Sen un compromiso e unha planificación como o programa do lince ou do oso, só seguirán a darlle morfina para que teña unha morte tranquila».

A profesora da Universidade de Coimbra Cristina Martins explica que a lingua experimentou a súa primeira crise cara aos anos sesenta: a chegada de portugueses doutras rexións produciu «unha alteración da percepción lingüística; mesmo os mestres coidaban que o mirandés estragaba o portugués e recomendaban evitalo». Unha sensación que se incrementou, paradoxalmente, trala Revolución do 25 de Abril e o incremento da escolarización. «Nos noventa, a actitude comeza a mudar e xa se ve coma unha lingua digna da escola» e o grande avance dáse en 1999, coa Lei 7/99 que recoñece os dereitos lingüísticos da comunidade mirandesa, promovida polo alcalde de Miranda do Douro, Júlio Meirinhos. El mesmo financiou unha comisión para elaborar unha gramática, unificando os seus distintos dialectos. «Daquela percibiuse o tesouro que había, xurdiron importantes iniciativas e a actitude avanzou», di Martins. «Nunca se coñecera tanto o mirandés, con moita atracción mediática, e xa sen vergoña a falalo».

Costas é máis crítico porque, anota, a lei de hai 25 anos «só inclúe cinco puntos moi etéreos». Foi acompañada dun despacho ministerial para o ensino, «pero non se redactaron unidades didácticas, non se crearon prazas nin se formaron mestres. A materia é optativa extracurricular (escóllena un 80 % dos alumnos, sen que lles compute), pero todo é moi precario, nada serio», avalía o profesor, que foi o autor do primeiro estudo universitario editado en mirandés.

Iniciativa cidadá

A nivel administrativo, «só o Concello o emprega nos rótulos urbanos, pero non se esixe o coñecemento da lingua, nin se imparte ao funcionariado nin se fai campaña ningunha». Porén, si destaca a iniciativa cidadá, mediante a Associaçon de la Lhéngua i Cultura Mirandesa (ALCM) e a grande produción literaria, musical, de traducións, unha próspera industria editorial e até turismo lingüístico.

Hai tres anos, Portugal asinou a Carta Europea para Linguas Rexionais Minoritarias, pero non dá ratificado este compromiso, «nin sabemos se o proceso avanza coa velocidade desexada», di Alfredo Cameirão, presidente da ALCM.

Polo momento, é papel mollado. Trala publicación do seu libro Persente i feturo de la lhéngua mirandesa (Universidade de Vigo, 2023), Costas lanzou un manifesto para salvar a lingua que asinaron 72 profesores universitarios, pero deles só cinco portugueses. «Para moitos o mirandés só é unha cousa simpática, folclórica». Porén, o deputado Rui Tavares, do Partido Livre, convidou a Xosé-Henrique Costas a defender no Parlamento portugués un decálogo para tratar de salvar a lingua. «Houbo consenso sobre a necesidade de protexer e conservar o mirandés, agás por parte do Partido Socialista (daquela no Goberno). A algúns preocúpalles o investimento deste programa, que non sería elevado. É unha cuestión de ecolingüística: queremos manter ou queremos deixar morrer a biodiversidade e a riqueza patrimonial?».-