Gonzalo Torrente Ballester

CULTURA

Luis Mateo Díez, José María Merino e Marcos Giralt Torrente, entre os ponentes do encontro na Casa de Galicia en Madrid.
Luis Mateo Díez, José María Merino e Marcos Giralt Torrente, entre os ponentes do encontro na Casa de Galicia en Madrid.

10 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A conmemoración do 25 aniversario da morte do grande escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester chegounos acompañada duns actos de celebración e reivindicación que ben poderían significar algo na recuperación deste enorme novelista, nunca cabalmente ponderado, quizais por non escribir a súa obra en galego, como din algúns críticos.

A realidade é que estamos ante un dos novelistas máis creativos e orixinais do século XX, con títulos incontestables como Los gozos y las sombras e La saga/fuga de JB, que son creacións narrativas moi distintas, pero que —xunto con outras das súas obras— conforman unha portentosa achega literaria que, inexplicablemente, aínda non obtivo o éxito de masas que tanto merece. Prestixiosos galardóns como o Premio Cervantes, o Príncipe de Asturias das Letras e o Premio Nacional de Literatura foron pasos no bo camiño do seu recoñecemento artístico, pero é certo que non significaron un impulso masivo na difusión dos seus libros.

Nun acto de lembranza que se celebrou agora en Madrid puiden escoitar ao gran crítico literario Ángel Basanta, que puxo en valor a obra multipolar de Torrente, «que fai del un dos mellores novelistas do século XX, con media ducia de novelas grandiosísimas». E subliñou, ademais, Basanta o crucial vencello do escritor co seu Ferrol natal, «cidade lóxica nun contorno máxico».

Tamén puiden escoitar a Luis Mateo Díez (que se queixou de que tivésemos un pouco esquecido o «irónico e torrencial narrador»), a José María Ponte Far (experto na súa produción) e a José María Merino (premio Torrente Ballester), todos eles moi conscientes de que este 25.º aniversario poderá significar un aumento da súa ben merecida difusión.

Tiven moita relación con Torrente, publiquei un libro de conversas con el e, na súa etapa final, cando vivía en Salamanca, falabamos por teléfono con moita frecuencia, e mesmo conseguín convencelo para que fose dar unha charla nunha reunión anual da Asociación de Editores de Diarios Españoles. Aceptou con receo, pero volveu satisfeito. A súa intervención foi aireada polos periódicos que informaron da xuntanza, e o organizador foi moi felicitado por escoller o escritor. Porque Torrente era tamén un orador moi brillante, apoiado sempre nunha espléndida base cultural.