De Oriente

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Cantos de Reis en Lugo.
Cantos de Reis en Lugo. ROI FERNÁNDEZ

09 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo a tradición relixiosa cristiá os tres Reis Magos de Oriente foron guiados por unha estrela ben particular ate o lugar onde naceu Xesús. Eles que procedían do oriente de Xerusalén, probablemente da antiga Persia, eran sabios e dominaban ben a astroloxía. Con eses coñecementos foron quen de interpretar a profecía que falaba do nacemento do suposto rei dos xudeus. Na Biblia, tan só no Evanxeo segundo San Mateo, se fala brevemente destes personaxes dos que non se especifica nin que foran tres, nin que foran reis nin que foran claramente magos. Mais co paso do tempo e coa mestura de diferentes interpretacións e engadidos, foi afincándose o simbolismo tal como o coñecemos hoxe en día. O de ser tres deduciuse polo número de agasallos que lle levaron ao neno, por asociar o número á forma de entender a Deus dende o cristianismo como a trindade pai, fillo, Espírito Santo e tamén por ser un número cabalístico sagrado. Non foi ata séculos máis tarde cando se fala deles como reis propiamente, cos seus respectivos nomes así como dos agasallos que portaban: ouro como símbolo da realeza, incenso como a divindade e mirra como a humanización e futura morte. Puro simbolismo xa empregado noutras culturas anteriores dun xeito similar como a grega. Pode que xunto con España, sexa Alemaña, que ten na cidade de Colonia a única Catedral dedicada aos Reis Magos, onde esta tradición sobreviva con máis intensidade. Tanto noutros países europeos como en moitos de fala hispana por influencia española celébrase este día tamén en maior ou menor medida con diferentes variantes. En Galicia houbo unha gran tradición de cantar os Reis que se foi perdendo co paso do tempo. Agora, fundamentalmente no sur do país, volve recuperarse con forza grazas a que aínda están moi presentes na tradición oral. Dentro do ciclo do Nadal os reis representan unha parte importante do noso folclore que vive nos cantos interpretados nas noitiñas do día 5 de xaneiro en forma de petición ou requirimento que podía rematar como agradecemento ou insulto en función do resultado obtido en cada lugar. Unha tradición que se vai recuperando grazas ao traballo de moitas asociacións e colectivos culturais.