García Lorca en Galicia

CULTURA

Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia
Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia

29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ogran poeta Federico García Lorca (1898-1936) visitou Galicia en catro ocasións e en todas elas profundou no coñecemento dunhas realidades case máxicas que o fascinaron, como ben nos ilustrará a publicación MáxicaLorca Compostela de Antón Castro, que reunirá as tres visitas do escritor a Santiago… Máis nestas liñas quero centrarme na súa fascinación polas tradicións ou fantasías da comunidade galega. E, para ilustrar isto quizais abonda con citar as súas referencias poéticas a San Andrés de Teixido, ese lugar do norte galego a onde, como reza a tradición popular, «vai de morto o que non foi de vivo». Imaxe que Lorca concibía como a expresión poético-relixiosa dunha realidade cristiá xa galeguizada.

Os dous últimos versos da segunda cuarteta son inequívocos: «Mortos e mortos de néboa / polas congostras chegaban». Quen ilustrara tan coidadosamente ó granadino? Se cadra foi Carlos Martínez Barbeito, o máis achegado dos seus amigos galegos. Pero os versos citados parecen evocar tamén outras amizades, como as de Eduardo Blanco Amor —coñecéronse en 1933— ou Ernesto Guerra da Cal. De xeito que Lorca non estivo nunca en San Andrés de Teixido, pero, mediante as explicacións deles, acabou por sentir que chegara alí, convertido nun poeta seducido pola riqueza das tradicións galegas.

Porque Lorca era coma unha esponxa absorbente, tanto ó admirar a gran Praza do Obradoiro coma ó percibir o conxunto de «choiva, mar e verdes campos» que o rodeaba, nunha paisaxe chea de vida e de frescor. O poeta de Granada, bo lector e recitador de Rosalía de Castro, conectou deseguida cos novos da xeración galega do 27, cos pintores Seoane e Maside e cos escritores e intelectuais Arturo Cuadrado, Luis Manteiga, Francisco Fernández del Riego, Domingo García-Sabell e un longo etcétera.

Hospedado no hotel Compostela en maio de 1932, sentaba ante o piano e cantaba e recitaba cantigas de Martín Códax e outras pezas populares. Porque, como acredita Antón Castro, na relación de Lorca con Galicia houbo unha singular e profunda identificación afectiva e cultural.