Falármonos de ciencia: razóns para o optimismo

Manuel Rey
Manuel Rey DIVULGACIÓN CIENTÍFICA EN GALEGO

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen propoña que a historia é cíclica, e que os mesmos problemas que afronta a Humanidade desde a súa aparición na Terra regresan unha e outra vez con diferentes nomes e formas, está a gañar razón neste 2020. E mesmo se pode atopar á primeira revista Nós como exemplo. O mundo, daquela, estaba a vivir a sacudida dun gran cambio que xa estaba en marcha: a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Rusa e unha pandemia que, coma hoxe, mudou en boa medida a sociedade.

«Ten pouco d’agradabre nacer n-unha d’estas épocas en que o mundo cambea de pruma ou de dentes», escribía Florentino López Cuevillas no artigo Dos Nosos Tempos, no primeiro número de Nós (outubro de 1920), un dos textos que sentou os cimentos do ideario daquela Xeración. Cuevillas escribía, como apuntan hogano os cronistas, sobre unha perigosa aresta da natureza humana ante as crises: «Eu teño comparado a Gran Guerra co’iste bacilo da gripe, pois coma il escitou, fixo medrar e dou virulencia ás pasiós ruís que dormexaban nos homes e mais nas sociedades».

Así, López Cuevillas, graduado en Farmacia que nunca exerceu, pero historiador de vocación, soubo ver que estes momentos nos que o mundo cambia os seus dentes e as súas plumas, como o fan os cativos e as aves, son tamén unha gran oportunidade para apostar polo coñecemento como bandeira das sociedades. El mesmo foi un dos grandes divulgadores científicos desta xeración: O seu artigo A mansión Aquis Querquennis (Nós nº9, xaneiro de 1922), é o resultado dunha prospección arqueolóxica que el mesmo realizou no campamento romano á beira do río Limia, e sentou as bases das posteriores escavacións no lugar.

Divulgación e normalización

Os artigos científicos que recolle a revista Nós amosaron o camiño para difundir a través da ciencia a gran riqueza que posúen a sociedade galega e o territorio no que se asenta. E tamén axudaron a normalizar o uso da terminoloxía científica na lingua do país, algo que hoxe en día segue sendo unha materia pendente nalgúns eidos, xa que o léxico segue a construírse a medida que o coñecemento avanza e os falantes e escribidores o usan. Hoxe, con todas as portas que aínda quedan por cruzar e os novos obstáculos que van xurdindo, podemos dicir, como a comezos dos anos 20 do pasado século, que o galego está a vivir un momento florecente no que á divulgación científica se refire.

As razóns hai que buscalas nunha rede de persoas e colectivos que, desde cadansúa disciplina, están sabendo transmitir á sociedade galega o importante que é contar o mundo e estar no mundo na lingua propia. Desde o ensino, co traballo diario en contacto coa mocidade de centos de mestres e profesores, ata as iniciativas de ciencia cidadá e divulgación nas que colaboran os científicos que dedican máis alá da súa xornada laboral a saír do laboratorio e contar o que fan, a semente está prendida e xa empeza a dar froitos.

A lista de todas as persoas e as institucións que contribúen a este bo momento é, por sorte, demasiado longa para que teña cabida nestas páxinas. Porén, podemos abordar a cuestión desde o punto de vista dunha persoa que hoxe en día queira achegarse á divulgación científica na lingua propia. Dispón de proxectos de comunicación especializados cun importante pulo, pode achegarse a museos científicos de gran relevancia, Feiras das Ciencias onde o galego é a lingua habitual, ou ás constantes iniciativas que organizan as universidades, centros de investigación e outras institucións para poñer a ciencia nas aulas, na rúa ou nos bares, así que é probable que esta persoa poida gozar delas nalgún momento. E nas librarías son visibles as coleccións de diversas editoriais galegas con títulos de gran calidade que abordan cuestións científicas.

Salvando as distancias dos diferentes contextos sociais e históricos entre o 2020 e o 1920, Galicia conta hoxe cunha xeración preocupada pola súa lingua e a ciencia que se fai aquí. E nun momento de crise e cambio, é posible dar un importante salto cara adiante. Os obstáculos seguen sendo semellantes: a pouca implicación de determinadas institucións que deberían velar polo dereito da sociedade galega a aprender o que queira na súa lingua. Ademais, a emigración sen billete de volta de parte do talento formado frea a arela de xerar un tecido forte de I+D+i no país. Fagamos o posible para seguir tendo razóns para o optimismo.