Máis dun cento de persoas participaron en Oza na ruada da Escola do Alprende

s. g. CARBALLO / LA VOZ

BETANZOS

A foliada celebrouse no centro social da parroquia carballesa

30 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o inverno, aínda que sexa outono no calendario, e as ruadas ou foliadas enchen as noites alí onde hai xente que as promove e as recupera.

BASILIO BELLO

En Oza, Carballo, a Escola do Alprende xa leva un tempo con elas, xa fose no local da Escola de Natureza, con carpa en ocasións, ou no social, como este pasado sábado. Estivo cheo, con moitos participantes chegados de varios puntos da provincia (Muros, Vimianzo, Betanzos, Ordes...) e ata de Galicia (Antas de Ulla). Son xente que gusta de tocar e bailar como emisores e receptores, e vanse movendo uns dun sitio a outro. Neste formato libre, todos tocan e todos bailan. E hai unha curiosa mestura interxeracional, culturalmente moi rica, da que moito poden falar as cantareiras de Anxeriz, unhas habituais deste formato.

BASILIO BELLO

Hai bailes e cantigas, pero tamén tempo para cear e beber algo, coma nos vellos tempos, e así ocorreu tamén en Oza, que tiveron a favor ata o cambio de hora para aguantar unha hora máis. Ademais dos chegados de lonxe, participaron moitos dos membros do Alprende, alumnos e exalumnos, e tamén veciños da parroquia carballesa. Agora toca esperar pola póxima.