Luisa Pérez: «Pasei a vida coidando o corazón da xente, igual que a xente coidou o meu»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

CESAR QUIAN

Nacida no municipio ourensán de Cartelle, creou a unidade de arritmias e foi a primeira muller cardióloga do Chuac

03 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é a historia dunha muller admirable. Sempre coa discreción por bandeira, a cardióloga Luísa Pérez (Cartelle, 1953) foi a responsable de poñer en marcha a unidade de arritmias do Chuac, pioneira en Galicia e das primeiras de España. E non o tivo fácil. Filla de labregos, a pequena de nove irmáns e unha prematura morte da nai que lle cortou o acceso ao ansiado estudo. Pero para ela non existía a palabra «imposible». E acabou acadando todas a súas metas. A súa traxectoria no Hospital A Coruña é tan importante que, preto da xubilación, pedíronlle que continuase como emérita.

—Pasou a súa vida coidando o corazón da xente.

—E a xente coidou o meu.

—Como afronta a nova etapa?

—Emocionada. Pero botarei de menos facer equipo cos pacientes.

—De qué está máis orgullosa?

—Todo isto non tería sentido sen unha asistencia de excelencia aos pacientes. Unha das miñas teimas era esa, que eles foran sempre o obxectivo de todos os progresos. Polas mostras de respecto que me dan, penso que o conseguín.

—Esa calor chega de volta?

—Chega, si. O paciente sabe moi ben cando ti contas con el e cando el conta para ti.

—Como cambiou o seu perfil?

—Fíxose máis proactivo.

—É moito o cariño ao hospital?

—Si. A min o Chuac abriume as portas do progreso cardiolóxico. Traballar aquí significou entrar na cardioloxía avanzada. Cando cheguei á Coruña fun a primeira muller que entraba como cardióloga. Tiven a honra de ser partícipe ocupándome da área de arritmias. Comeceina e leveina ata onde cheguei.

—Que foi moi lonxe, con numerosos recoñecementos.

—Ningunha especialidade cardiolóxica ten teito. Seguirá medrando.

—Cal foi o maior reto ao que tivo que enfrontarse?

—Conseguir que me fixeran responsable da unidade. Tiven que demostrar a miña valía para que me fixeran o encargo. O desafío foi que recoñeceran que estaba en condicións de asumir ese reto.

—Dende o ano 1989 viu nacer moitas especialidades no Chuac.

—A cardioloxía tivo un despegue brutal, foi un bum, tanto na clínica como na invasiva, e co primeiro transplante de corazón.

—Como lembra aquel 1991?

—Foi unha emoción explosiva de todo o servizo. Serviu para crear fortes vínculos entre todos os equipos que participaron nesa experiencia.

—Cal foi o avance médico máis significativo que presenciou durante a súa carreira?

—As arritmias pasaron de cero a cen. Eu abrín a unidade e formei un equipo, pero pasou de ser unha especialidade moi limitada a ser sanadora. O abano de arritmias que hoxe se poden tratar é moi amplo. Eu o vin nacer e asistín á prosperidade de todo isto.

—Como evolucionou a cardioloxía dende que comezou a practicala?

—Fíxose moi resolutiva. Hoxe a meirande parte dos problemas de coronarias se resolven con intervencións percutáneas, sen o prezo da cirurxía. E as arritmias, tamén, coas ablacións e os dispositivos. Co corazón na man, era algo nada pensable no 1993, cando me fixen cargo da unidade.

«Aprendín das mulleres do rural, que vivían na discreción pero eran mulleres bandeira»

Tras dedicar toda a súa vida á medicina, a doutora Luísa Pérez non tiña moitas ganas de xubilarse. Por iso gustoulle que o Sergas a nomease médica emérita, unha figura que recoñece o prestixio e a importancia de profesionais retirados e que lles permite seguir un ou dous anos mais ligados de maneira activa ás institucións sanitarias.

—Non estaba desexando colgar a bata branca?

—Non, non. A idade hai que asumila, pero eu síntome en forma, con gañas de seguir.

—A súa entrega continúa, pois.

—Ser médica emérita ilusióname. Tamén me aleda que a miña actividade, que foi intensa e relevante no desenvolvemento da cardioloxía asistencial na área de arritmias, fora recoñecida deste xeito, a pesar de que eu nunca busquei notoriedade.

—É unha persoa moi discreta.

—A modestia foi sempre o meu lema. Ser do rural ten moitas vantaxes, coma ter aprendido desas mulleres que vivían na discreción pero eran mulleres bandeira.

—Vostede foi herdeira desa cultura, cal será agora a súa encomenda como emérita?

—Presentei dous proxectos: un programa de calidade asistencial e outro de formación orientada aos intervencionistas.

—Deixaralle tempo isto para algún pasatempo de xubilada?

—Sendo como eu son, probablemente me absorba bastante mais do que o programa emérito esixe.

—Xa antes case vivía no hospital.

—O que fose necesario. O meu era a constancia e a perseveranza.

—Algunha afección pendente?

—Teño proxectos persoais, como recuperar a vida na natureza e volver ó meu mundo rural.

—Seu mundo chámase Cartelle.

—Dalí saín e nunca me fun. Estou empadroada emocionalmente en Cartelle de por vida.

O seu mundo chámase Cartelle. Dende 1987, trinta e sete anos leva a doutora Luísa Pérez curando corazóns. Tras unha primeira etapa no Provincial de Santiago, (que lembra con moito agarimo), pasou o resto da súa prestixiosa e frutífera traxectoria profesional no Chuac.