A Fundación Pondal acolle unha Cova Céltica sobre festivais

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Os participantes disertarán sobre as orixes das celebracións na Costa da Morte

14 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso continúa co seu programa de actividades do outono e hoxe acolle una Cova Céltica dedicada aos festivais da Costa da Morte. A conversa desta tarde comezará ás cinco e leva por título Os bardos son nobre causa, derivado dun verso pondaliano.

Está prevista a participación de Michel Antelo, presidente de Cherikas, que promove o Asalto ao Castelo de Vimianzo; Diego Blanco Veiga, vicepresidente de Castro Meda, promotora da Festa da Carballeira de Zas; Xosé María Varela, polo Festiletras; Carlos Sande, por parte da Tarde-Noite do Medievo, de Riobó (Cabana de Bergantiños); Xabier Graña, fundador do Xiria Pop, de Carballo; Jan Lamas, do Mercado Medieval de Corcubión, e Manuel Rial Santos, colaborador e guía en numerosos festivais e iniciativas culturais de diverso carácter.

Os participantes disertarán sobre as orixes das celebracións, as dificultades coas que se atopan para levalas cabo, axudas coas que contan e as claves para poder continuar con elas no futuro. Son todas iniciativas de éxito que levan moitos anos e dándolle un selo de distinción a cadanseu dos seus pobos e a toda a bisbarra.