Un chisco máis

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Ana Garcia

06 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se tivésemos tres nenos de diferentes alturas intentando observar por enriba dun muro, o igualitario sería proporcionarlle un caixón igual a todos para subiren. Non obstante, o xusto sería darlle os caixóns de diferentes medidas segundo a súa estatura. Cando lin a nova estes días dunha nai que non sabe do seu fillo por mor das adiccións, veume esta metáfora á mente. O sistema puxo todo o que tiña da súa parte, pero non foi suficiente para encarrilar a vida deste mozo.

Coido que ese é un dos maiores fracasos como sociedade, non poder ofrecerlle aos nosos nenos ese tan ansiado estado de oportunidades que supostamente existe. Non podo imaxinar o desgarrador que foi para esa proxenitora pedir axuda, incluso distanciándose del, para poder brindarlle amparo. Agora, de súpeto, sente que en calquera momento pode recibir unha chamada tráxica ante o desacougo de non coñecer onde está o seu fillo, se dorme baixo tellado ou se ten algo que levar a boca.

Creo que se algo teñen todas as nais é ese hábito de acoller sempre ao fillo. Unha nai sempre perdoa, fai borrón e conta nova en apenas segundos grazas a ese amor tan puro que só elas albergan. Dende aquí fago un chamamento a todos aqueles que pensan que outro camiño non é xa posible, as nosas nais sempre son ese faro no medio da inmensidade que guían a nosa travesía. Ás institucións, dicirlle que hai que saber diferenciar entre o igualitario e o xusto. En Galicia, é de xustiza que exista un centro de desintoxicación especializado para menores, atendendo as demandas sociais do país. Unha nai nunca se debería sentir desamparada, sen recursos suficientes para buscar un fillo. Se iso ocorre, todos, absolutamente todos, estamos fallando.