Aulas Alce

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

ANA GARCÍA

29 abr 2024 . Actualizado a las 22:21 h.

A semana pasada falaba da pouca relevancia que se lles da ás retornadas suízas. A raíz disto, escribíronme para que falase dunha nova que non coñecía. O goberno español vén de pechar sete aulas Alce en Reino Unido. Clases particulares gratuítas que servían de ponte para que os emigrantes españois lle ensinasen a nosa cultura ás crianzas nacidas no país.

A causa moi sinxela: os recortes. A inflación e a pouca previsión nos orzamentos fixeron que, en vez de abrir novas aulas en puntos estratéxicos, se pechen varias en Londres, afectando a cento e medio de familias españolas con residencia alí. Ademais, o programa Alce non é un programa baldío, os nenos e nenas que o comezan contan cunha certificación recoñecida nas institucións académicas españolas, nesa idade temperá tan importante para os nenos á hora de asimilar linguas. O noso goberno énchese a boca dicindo que pon á dispor dos nosos tódolos recursos precisos para que regresen os retornados e as novas xeracións de fillos e netos. Non obstante, a embaixada, o consulado e todos aqueles que nos representan, fan oídos xordos ante unha realidade imperante.

Pechar as escolas Alce é un desprezo imperante para aqueles que nos anos sesenta para adiante buscaron un futuro mellor no país anglosaxón pero tamén para todos os españois, que asistimos impávidos ante a malversación dos nosos cartos. Ollamos a deposición da cultura en tomas de decisións que non transceden nos xornais acotío pero que si suceden cada vez máis. En Change.org hai unha petición aberta para evitar o cesamento destas ferramentas educativas. Poñamos todos da nosa parte cando a incerteza política nos aparta de cousas verdadeiramente importantes.