Bebés arcoiris

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

miguel souto

27 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos de nosas avoas, a perda dun fillo era frecuente. Un capítulo a esquecer do que só quedaba ás veces algunha fotografía do defunto, aquela da arte fúnebre esquecida. Escoito moito o termo bebé arcoiris, aquel que chega despois dunha perda, ben sexa dun familiar ou dun neno anterior, nato ou non nato.

Sempre me pareceu unha metáfora marabillosa da vida, esta que nos quita e tamén nos dá. Para aqueles que cremos que se vive máis dunha vida, resulta unha un exemplo de catarse fabuloso. A raíz do Día Internacional contra a Violencia de Xénero gustaríame reivindicar outra violencia que vai máis aló da de xénero: a violencia médica. Para poder chegar a unha fase de aceptación tras a perda, é importante acompañar os procesos vitais, respectar os tempos que precisen os pais, coidar con tacto os protocolos médicos. Ninguén merece compartir sala con nais que acaban de ter os seus fillos cando unha mesma ten que afrontar a perda de saír do hospital sen ninguén nos brazos. Agora, por sorte, as cousas empezan a cambiar. Empezamos a considerar que os bebés que morren son xa entes consolidados, non un recordo a esquecer ou un fillo a substituír por outro. Iso tamén e violencia, é algo ao que un home nunca chegará, porque xamais se enfrontará a esas situacións de vulnerabilidade. Malia todo, os nosos corpos son sempre o recipiente da dor e a violencia, do sufrimento e o sacrificio que supón alumear unha nova vida. Isto tamén é unha responsabilidade implícita de ser nais, aínda que nunca nolo dixeran. Que orgullo me dan todas aquelas mulleres que percorreron un longo transo, con luces e sombras, para poder teren hoxe os seus nenos nos brazos. E que valentes aquelas que, aínda sen poder telos, continúan adiante.