Bolos e sellas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

MAZARICOS

Bolo do Pote.
Bolo do Pote. ALVITE

28 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Festa do Bolo do Pote que se celebrará esta fin de semana en Mazaricos lembroume a cando a miña casa se converteu nunha especie de centro de investigación etnográfica en miniatura.

Debeu ser por mediados dos 90 e os meus estableceron un auténtico programa de investigación que pasaba dos bens etnográficos materiais cara os inmateriais. Entre os primeiros, entroulles cobiza dunha sella, xa saben, as xerras de madeira que empregaban as mulleres para iren coller auga á fonte. Finalmente deron cun artesán ou un vendedor de tales instrumentos non moi lonxe do balneario de Bertamiráns.

Lembro que fomos coller alá a sella nun tempo no que para un pobrense viaxar a Ames viña sendo como incursionarse na Galicia profunda ou algo así.

O tema do bolo do pote xa precisou case dunha auténtica liña de investigación. Os meus pais tíñano na memoria da infancia, pero o certo é que cando menos en Palmeira ou na Pobra do Caramiñal, non había moitas señoras que o lembraran ou o quixeran lembrar.

Finalmente deron cunha muller que llos explicou e co muiñeiro dealer que lles vendía fariña milla. Os bolos do pote, con pasas e sen piñóns, incorporáronse os nosos cocidos sen necesidade dunha subvención, e aí seguen aínda hoxe.

Aprecio ben ese acompañamento discreto, amargo, pobre e honesto do caldo. Nunca souben ben de onde lles chegou ese fervor de recuperación a meus pais, pero agradézollo. Imaxinen se en cada casa do país fixeran un par de exercicios contra a desmemoria e a molicie. Moito cambiaría o conto.