Luísa Villalta paseouse por Goiáns

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Carmela Queijeiro

As mulleres foron protagonistas na romaría que impulsa Barbantia

17 may 2024 . Actualizado a las 20:39 h.

Foise demasiado pronto pero de seguro que se seguira viva, Luísa Villalta estaría encantada de poder desfrutar da Romaría das Letras que desde hai 13 anos se festexa no pazo de Goiáns, onde hoxe foi unha das grandes protagonistas dun acto no que as mulleres gañaron por maioría. Así o explicou a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral que, ataviada cun traxe rexional, actuou de mestra de cerimonias para presentar tres traballos editoriais con firma feminina: Carme e a serea Mariña, de Ana Rial; Iribarne, de Esther F. Carrodeguas; e Alma de violino, de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez.

 Pero antes de falar destas obras, a presidenta da Asociación Cultural Barbantia, María Xesús Blanco, foi a encargada de facer unha escolma da vida e obra de Villalta, lamentando que con ela só haxa outras cinco escritoras ás que se lle dedicou o Días das Letras Galegas en máis de 60 anos. «Foi una poeta extraordinaria e anovadora», ademais dunha persoa moi comprometida e unha virtuosa do violín, enumerou Blanco, que recoñeceu que «todos coinciden en dicir que Luísa escribía poesía en clave musical». Por último lembrou que o acto mensual da agrupación —que terá lugar o 31 de maio no Liceo de Noia— servirá para brindar unha homenaxe á escritora coruñesa.

Sereas e tirantes

A xornalista e escritora de Palmeira Ana Rial estreouse este ano como escritora nun libro que ten moita vinculación co pazo de Goiáns, posto que unha das protagonistas é a serea Mariña, «que segundo a lenda tivo amoríos cun cabaleiro chamado Roldán e tiveron un fillo que deu orixe á linaxe Mariño, que foi a propietaria da finca». Recoñeceu que neste traballo de literatura infantil as mulleres tamén levan a voz cantante e que a súa temática quere facer reflexionar aos máis cativos sobre a importancia de coida o mar.

Uns tirantes coa bandeira de España ilustran a portada de Iribarne, un traballo de investigación de Esther F. Carrodeguas convertido en peza teatral sobre a transición española. Explicou que o seu obxectivo foi poñer algo de luz «na historia que non se conta», o que lle permitiu descubrir cousas moi interesantes e sorprendentes sobre a figura de Fraga. Como colofón da súa presentación, os membros do grupo Airiños tomaron o escenario e fixeron unha pequena representación desta obra.

A ilustradora Laura Sánchez non coñecía de nada a Luísa Villalta pero, tras traballar con Beatriz Maceda e Eli Ríos no libro Alma de violino, «acabei namorada dela». Confesou que o empuxón para levar a cabo os debuxos chegou da man destas grandes colaboradoras, que lle mandaban audios contando todos os segredos da poeta coruñesa para inspirala.

No proceso creativo tamén tivo moita importancia a elección do título, explicou Maceda, que recoñeceu que neste caso Google botoulles unha man. Buscaron as pezas que forman parte dun violín —o instrumento que tocaba Villalta— e descubriron que hai unha que se chama alma «e dela depende que soe mellor ou peor. Pareceunos que era un termo moi acaído porque ela adoraba a música».

Pola súa banda, Eli Ríos explicou que o libro divídese en varias partes, e cada unha delas ten un sentido moi especial na vida e obra da homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Infancia, música, compromiso ou liberdade son algúns deses termos que definen á poeta coruñesa, «unha persoa coherente, comprometida e activista e moi necesaria nun mundo como o actual», dixo. A súa intervención acabou lanzando unha mensaxe para seguir festexando a obra de Villalta durante todo o ano, «non deixedes que todo o seu labor quede só nun día».

 

Degustacións de polbo e churrasco a ritmo de «Apaga o candil» ou «Na beira do mar»

Moito antes de chegar ao pazo de Goiáns, xa se podían escoitar ao lonxe as gaitas e pandeiretas anunciando a festa, e iso que o tempo tentou facer das súas para estragar a celebración. Pero os devotos desta Romaría das Letras non lle temen á choiva e acudiron a este gran homenaxe ás letras e á cultura galega, onde a diversión está asegurada.

«Nós comemos polbo, e estaba moi bo. O churrasco non o probei, pero tiña boa pinta», explicaba un comensal á saída do xantar popular, que se alargou ata ben entrada a tarde porque, ademais de comer, a gran maioría foron a pasalo ben. Diso se encargaron un grupo de gaitas que botaron man do repertorio popular para poñer en pé ao auditorio. No seu popurrí de grandes temas non faltaron Apaga o candil, que tan famoso fixo Xosé Ramón Gayoso no seu Luar; ou Na beira do mar e O sancristán de Coimbra, entre outros.

 Na romaría deste ano tamén se volveu a contar co grupo de palilleiras Revolteir@s, que fixeron unha demostración do seu traballo, ao igual que Susi Gesto, que foi a encargada de impartir un obradoiro de ourivería. Ademais de postos de xoias e agasallos, tamén había outros con orixinais pezas de madeira, debuxos, de traxes tradicionais e, como non, tamén de libros e outro cos anuarios editados pola Asociación Cultural Barbantia.

A festa gañará un novo espazo para o próximo ano coa recuperación da capela do pazo

A Romaría das Letras non sería o mesmo sen o pazo de Goiáns que, tras a súa rehabilitación, aínda conseguiu dar un maior pulo a esta celebración que xa suma 13 anos. Así o explicou o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que sinalou que o obxectivo do Concello «é poder devolverlle a este inmoble o esplendor de antano».

Ademais do novo paseo peonil que xa está en marcha para unir a fronte urbana con esta finca, «o luns comezarán as obras de rehabilitación da capela, que esperamos que estean finalizadas para o próximo ano», anunciou o mandatario, que insistiu en que seguirán traballando para recuperar «para os veciños este entorno fantástico a carón do estuario do río Coroño».