Relax na gamela

BARBANZA

ANA GARCÍA

Os biólogos resaltan do caso de Oza que baixou das costas irlandesas sendo xa un exemplar adulto

10 abr 2024 . Actualizado a las 08:09 h.

Confeso que ultimamente vexo, comparto e remiro vídeos graciosos de animais, e sospeito que a rede está chea deles porque os bichos nos permiten baixar a garda. Nin nos comparamos con eles, nin os envexamos ou desprezamos, nin miramos se son da mesma corda ca nós.

Espértannos simpatía, botamos ese riso inocente que tiñamos gardado durante horas e para outra. Por iso prestáronme as escenas de relax da foca Oza na gamela Narvaliño de Laxe. A min paréceme moi ben que Oza se decidira a facer turismo e baixara para a Costa da Morte. E se temos sorte e se achega pola ría de Muros ou do Barbanza pois mel con filloas. A alegría hai que repartila cando vén.

Os biólogos resaltan do caso de Oza que baixou das costas irlandesas sendo xa un exemplar adulto. O habitual é que se perdan alá por Connemara cando son noviñas e acaben en Galicia por despiste, aínda que as nosas illas e pedras lobeiras, que aínda temos unhas cantas, revelan que no pasado estas becerras do mar (outro dos seus nomes en galego) estaban máis presentes.

A presenza de substantivos revela que non as esquecemos de todo. Na Cemma pensan que as focas noviñas baixan de Irlanda por despiste, pero a min gustaríame pensar que a especie garda na memoria lembranzas dun grand tour e que aínda os exemplares máis aventureiros, logo dunha primeira desorientación, intúen que teñen que rematar en Fisterra por iso de manter os vínculos históricos. Á fin e ao cabo, coas incertezas que ten o cambio climático, vaian saber se non rematan instaladas por aquí.