A orella cortada

BARBANZA

El exboxeador estadounidense Mike Tyson
El exboxeador estadounidense Mike Tyson Christian Petersen | AFP

10 abr 2023 . Actualizado a las 15:46 h.

Anda circulando por internet unha desas citas célebres de famosos que tanto pode ser de Michael Jordan como de Mahatma Gandhi, que sempre son dignas de publicar nas redes.

Á que me refiro eu é a seguinte, que dixo un tal Vincent van Gogh: «A miúdo penso que a noite está máis viva e máis ricamente coloreada que o día». Aínda que dubido que este home chegase a visitar a península de Barbanza, tal cita podería ser extrapolable a algunha que outra noite de Boiro e Ribeira, onde incluso parece que sobran as orellas.

Aos meus colegas e a min fainos graza, porque aínda que somos uns vellos coñecidos do ocio nocturno boirense, compostelán, coruñés... os problemas nunca viñeron a petar na nosa porta e, nin moito menos, nós a súa. Porque a única realidade absoluta é que estas cousas sempre lles pasan aos mesmos.

Eu xa hai tempo que deixei de crer que o alcol e as drogas sexan tan responsables das trafulcas como se di por aí. «É que levaba a cabeza quente e claro...». Non. O que é parvo é parvo sempre. Ás cinco da mañá emulando a Luis Suárez ou a Mike Tyson con catro copas enriba, e tamén ao espertarse con restos de cerume nun incisivo. O nivel cognitivo segue sendo o mesmo.

Miña nai dime que ande amodo cando vaia por aí a dar a volta, temerosa quizais de que calquera día volva cun ollo inchado ou sen dentes. Non te preocupes oh, xa hai quen ande rápido por min. Haberá que tocar madeira para continuar no lado bo da historia e seguir exercendo de narrador. O peor non é para nós, senón para o que se foi para a casa ca orella cortada.