O Gaiás celebra as Letras con lectura de versos, espectáculos e unha mostra

La Voz

SANTIAGO

XOAN CARLOS GIL

As actividades comezan este mércores cun encontro de alumnado de centros nos que exerceu de mestra Luísa Villalta

07 may 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A Cidade da Cultura inicia esta semana as actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas, que incluirán lectura compartida de versos de Luísa Villalta —a autora homenaxeada nesta edición—, dous espectáculos, unha mostra e un encontro de estudantes de dous centros educativos. Precisamente, esta última iniciativa será a primeira acción. Maña reunirase alumnado de dous institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural, o IES de Canido de Ferrol e o IES Xosé Neira Vilas. Nuria Vil animará o acto.

As seguintes citas serán o sábado. Todas as persoas que visiten a Cidade da Cultura serán convidadas a poñerlle voz a versos de Luísa Villalta. Nesta lectura compartida, que será gravada en vídeo e difundida pola rede, poderán ler un dos textos da escolma realizada pola tamén poeta Oriana Méndez. Trátase de vinte poemas que pertencen a «Música reservada» (1991), «Ruído» (1995), «Rota ao interior do ollo» (1995) e «En concreto» (2004). Esta lectura farase no Museo Gaiás de 11 a 14 e de 16 a 20 horas. Posteriormente, editarán un vídeo que será difundido na web e redes sociais da Cidade da Cultura o día 17.

Ademais, o sábado 11, na Biblioteca de Galicia, a compañía Fantoches Baj presentará unha peza teatral de monicreques para público familiar a partir da novela de Luísa Villalta «As chaves do tempo». A cita será a partir das 18 horas con entrada de balde previa reserva.

Dúas semanas despois, o 25 de maio, ás 19 horas, será a quenda do espectáculo «Indóciles» da man de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut. Tamén é preciso reservar. A programación que se desenvolverá na Biblioteca de Galicia completarase coa mostra bibliográfica «Luísa Villalta, a memoria dos sons».

Contacontos

A Biblioteca Ánxel Casal tamén comezou a desenvolver as actividades vinculadas ao Día das Letras Galegas. Deste xeito, acolle unha mostra cos carteis gañadores do concurso organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, este sábado terá lugar a sesión de contacontos «A pequena Luísa» na que Ramiro Neira achega a figura da autora ao público de entre tres e oito anos (12 horas, entrada libre).